xoves, 6 de xuño de 2024

23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

 Chegou un ano máis o 23 de abril e tocaba celebralo como está mandado, sobre todo nós, que para iso somos un club de lectura. Pero para que a celebración fose xeitosa fixémola durante toda a semana.

O luns 22 estaban expostos na entrada da biblioteca retratos de alumnado e profesorado tapando a cara cunha portada dun libro que lles gustase. Os participantes tivemos que descubrir  a quen pertencían os rostros tapados, polo pouco que se vía na foto e polo libro escollido (ao ser un libro que lle gustou, podía ser unha gran pista)  Se acertabamos tiñamos un doce agasallo. Pasámolo moi ben adiviñando e coñecendo novos libros. 

O martes 23, coincidindo coa sesión do club de lecturas, fomos ata a biblioteca e alí asistimos a unha cita a cegas cos libros. O equipo de Polos creativos, xunto con algúns biblioaxudantes estiveron enredadando para que puidésemos ter esta "enigmática cita" e alá fomos os de "Lecturas e andanzas" levados pola curiosidade.

Nas mesas da bilbio había varios libros expostos e tapados con papel alumninio. Nós puxemos os cascos e tiñamos que ir tocando coa man os libros de un en un e parando a escoitar unha pequena lectura deses libro gravada. Había libros en varias linguas. Foi moi emocionante escoitar as voces gravadas dos nosos compañeiros lendo un libro e logo comentar se nos gustaba ou non e se queriamos unha segunda cita con el a través da nosa lectura individual  Desde aquí queremos dicirvos que si xurdiron algunhas segundas citas e chegaron incluso a levalo prestado para a casa ...!

Aquí nos vedes desfrutando desta actividade.




As citas a cegas seguíronse facendo tamén o mércores. O xoves e o venres tamén houbo obradoiro de dragóns e rosas na biblioteca.

Unha semana do libro moi intensa!