xoves, 13 de xuño de 2024

QUEDA INAUGURADO O "ENREDANDO CO GALEGO"!

O pasado 7 de maio houbo no noso instituto a presentación un ano máis do certame do "Enrédate co galego". Ao acto asistiu alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO comprometido con crear composicións para este concurso. Ante eles estivo primeiro Anxo Lamelo, da parte organizadora do Concello de Lugo, contando como eran as regras de participación e animándonos a poñer en marcha a nosa creatividade usando o galego durante tres semanas. 

Logo para abrir boca co mundo da poesía estiveron os poetas Silvia Penas e Samuel Merino, apagaron as luces e no salón de actos creouse un clima máxico... todos en silencio escoitando os versos que se ían enfiando ante un público en absoluto silencio e totalmente receptivo ante temas como os transtornos da conduta alimentaria, a memoria ou o amor nas súas diversas formas.

Cando rematou o acto o propios poetas transmitíronos que se sentiran moi cómodos e apreciaron a atención que prestou todo o alumnado. Tamén houbo alguén que se achegou a eles para dicirlles que lle fixeran chorar con algún dos poemas recitados. 

Desde logo foi un acto moi emotivo! Sucumbimos ante a forza da poesía!

Temos que dicir que moitos dos membros do club están participando no "Enredando" dando mostra de que a lectura tamén se pode complementar coa escrita e con outras formas de creación na nosa lingua.

 

Acto inaugural do "Enredando co galego"