xoves, 20 de decembro de 2018

ATA A VOLTA

Agora toca despedirnos ata a chegada do novo ano. Non dubidedes que volveremos con máis lecturas e andanzas!
Desexámosvos unhas boas vacacións acompañadas de lecturas e de.... 


Lectura de Fume

A seguinte lectura que realizamos no club foi Fume, do escritor Antón Fortes. Lectura que nos deixou abraiad@s pola historia e polas ilustracións de Joanna Concejo. 

Unha vez rematada a lectura comezamos os comentarios e a nosa despedida, a xeito de aforismos... 

Aquí vos deixamos só tres. Agardamos que vos fagan pensar... 

Non chores mamá, agora son libre coma o fume.
Coma fariña nunha peneira, chega con moito e sae baleira. 
Inocencia, burbulla de cristal tinguida de soños. 

martes, 4 de decembro de 2018

Rematamos a lectura de O neno can

Na sesión de hoxe "despedímonos" da obra de Fina Casalderrey e Francisco Castro - O neno can- pensando en alto e lembrando os momentos compartidos,  a modo de "aforismos"... 


Deixámosvos con algúns dos que escribimos hoxe: 

A vida é unha rocha, o tempo a súa area. 
O canciño pequeno, salta máis alto. 
Choiva é só o nome das nubes que se xuntan nun ceo inmenso. 
O xeo mata lentamente, encarcerando, torturando, deixándote ver o tempo pasar. E ti alí, mirando sen ver. 
Choiva é abundancia, pero ás veces é fame. 
O can máis rastreiro non é animal, é home. 
Xeo, cálido abrazo que derrete as mans mortas que me afogan. 
Salta neno can, salta, que eu caerei máis baixo se cho lanzo. 
Os que non alimentamos a fame, enchemos a boca de palabras de conciencia.
O ser humano non ve, necesita gafas. 
A invisibilidade hai que pintala de cores. 
Para casar, primeiro hai que amar. 
Deixa que o vento leve as cousas malas. 
Cada gran de area é un soño. 
A choiva confúndese coas túas bágoas. 
...