mércores, 25 de maio de 2022

ANDANZAS LITERARIAS

HOXE foi un día "especial" para todxs xs integrantes do club de lectura. 

Que temos  en común na foto? 


Un exemplar de  Andanzas literarias, o  libro no que traballamos ao longo do curso e  recompila as nosas creacións baseadas nos graffiti ou murais que embelecen, aínda máis, á nosa cidade. 


Como imaxinamos que non lembraredes como nin cando comezou esta andanza, achegámosvos os enlaces subidos ao blog para que vaiades facendo memoria: 


PARABÉNS A DIEGO AS (nesta entrada  podedes ver un dos resultados que aparece no libro)

Non queremos cansarvos coa narración desta andanza, que levou moito, moito, moito tempo; por iso, imos contárvola dun xeito esquemático: 
  • Ruta pola arte urbana con Guido. Fotos dos murais e graffiti da nosa cidade.
  • Elección do mural ou graffiti nas sesións do club de lectura para elaborar o texto literario. 
  • Sara e Carla, en representación de todxs, contactaron  con Fran Alonso, autor de Street poems (obra que nos levou a pensar na posibilidade de facer nós algo semellante) para pedirlle consentimento por "plaxiar", "copiar" e "imitar" a súa idea. 
  • Resposta de Fran Alonso animándonos e ofrecéndose a escribir o LIMIAR da obra.  GRAZAS, FRAN ALONSO polas túas palabras e polo tempo compartido con nós!!! Compartimos as palabras do seu primeiro correo que nos animou, aínda máis. 

Prezadas Sara, Carla e demais:

Ante todo, quero felicitarvos pola vosa iniciativa e por ese traballo que tan boa pinta ten! Moitos parabéns!

Faime moita ilusión que fose o meu libro Street poems o que vos tentase a facer algo semellante; estou seguro de que o pasastes moi ben, ademais de aprender bastante sobre a arte urbana e a capacidade creativa que todxs temos. 
Por suposto que podedes copiar, plaxiar ou imitar a miña idea, que para min será unha honra. E, por suposto, contade comigo para esa pequena introdución, que farei encantado.

Moitas grazas e adiante!

Apertas,

Fran

  • Decisión de non revelar a identidade do autor/a do graffiti ou mural, de non estar clara a súa sinatura. (Andanza para o seguinte curso)
  • Ubicación do lugar da nosa cidade onde se encontraban. 
  • Deseño da obra (grazas, Marta).
  • Título e deseño de portada. María Penín e Jennifer Fernández compartiron as súas ideas con todos/as os/as compañeiros/as e así naceu: Andanzas literarias 


Cando vimos o resultado final, pensamos en compartir o noso libro co maior número de persoas posibles, co fin de que coñecesen a nosa cidade a través da arte urbana e das nosas palabras. Seica non foi tarefa fácil, pero iso xa é outra historia. 

Seguimos soñando... Imaxinamos  presentar publicamente a nosa obra, Andanzas literarias, nun espazo de renome da nosa cidade e acompañados/as por Fran Alonso, Guido, dous graffiteiros da nosa cidade...? Poderá ser? Quedará só nun soño? 

O que segue sendo realidade son as nosas andanzas. Nestes momentos estamos gravando o contido de Andanzas literarias para facer un audiolibro no que poidades escoitar todas as nosas creacións.

Deixámosvos co LIMIAR escrito por FRAN ALONSO na voz de Jennifer Fernández. 


E co poema que abre o libro, escrito e lido pola súa autora,  Jennifer Fernández. 
 
Agardamos que os nosos soños se fagan realidade!!
Agardamos poder compartir o audiolibro na súa totalidade!!
AGARDAMOS QUE VOS GUSTASE ESTA ANDANZA!!

Mentres desexamos... nós seguimos facendo das nosas!!!




martes, 24 de maio de 2022

REMATAMOS A ANDANZA DO DÍA DO LIBRO

Como xa leriades en anteriores entradas, a nosa andanza do Día do Libro comezou en abril. A composición do poema resultou bastante doada, pero non así pensar na ilustración para reflectir a temática  e plasmala no lenzo.  Sentiamos que os dous últimos versos do noso poema se facían realidade:

"O paso dos minutos era inquietante

sentindo como os últimos segundos da miña vida me aprisionaban."

e que o tempo corría na nosa contra para imperdirnos rematar esta andanza ... 




PERO NON FOI ASÍ:

Os/as lectores/as e andantes agradecémoslle a Uxía e a Anum Zahra o tempo que lle dedicaron a escribir o poema  e a plasmar a idea dos/das seus/ súas compañeiros/as nos lenzos. Sabedes que estivemos sempre dándovos ánimo, axudando e, sobre todo,  OPINANDO...




luns, 16 de maio de 2022

MARCAPÁXINAS PARA O DÍA DO LIBRO

Os/as nosos/as compañeiros/as de 1ºESOB realizaron estes marcapáxinas para o Día do Libro. 







E tiveron unha lembranza para o "noso" Domingo Villar. 



luns, 9 de maio de 2022

SINTONÍA DE RADIO LLAMA

Entre tanta andanza esquecéusenos compartir a melodía que compuxo a nosa andante e lectora, María Penín, para acompañar a letra que escribiu para comezar as emisións dos programas da radio escolar, Radio Llama. Fixemos moitos ensaios para que as voces dos/das compañeiros/as dos clubs fosen acompasadas, pero... Isto foi o que resultou. 

Grazas María polo teu traballo e por ese don que tes. 


A ANDANZA CONTINÚA

Unha vez rematado o poema e pensada a ilustración, entre todos e todas os/as lectores/as e andantes, só quedaba plasmalos nos lenzos para que fosen unha lembranza de como vivimos o Día do Libro. Depositamos toda a nosa confianza en Anum e Uxía para que se puxesen mans á obra e así poder gozar do resultado final desta actividade que nos seguiu unindo. 

Moitos minutos... os que lle dedican, pero están acompañadas por todos e todas, xa que nos recreos o equipo de Radio Llama e lectores/as e andantes pasan por alí para axudar, comentar, compartir e ANIMAR. 








Continuará....

 

mércores, 4 de maio de 2022

NOVA ANDANZA POLO DÍA DO LIBRO

Como xa imaxinariades, a nova andanza da que vos falamos hai uns días estaba relacionada coa celebración do Día do Libro. Este ano non puidemos realizar a nosa actividade fóra do centro, pero iso non impediu que gozaramos e gocemos dándolle cores para rematala. 

Aquí tedes o poema que compuxemos logo de elixir unha palabra da lectura de Silencio, escrita polo noso amigo, Fran Alonso

Cheguei a estar vella con vinte anos

mirando tras desa ventá pola que a luz non pasaba.

A miña casa non estaba chea de luxos

e aínda así non sentía baleiro o meu  apartamento.

A música non calmaba a miña soidade

pensando que o paso do tempo non era lóxico.

Non tiña moitas posibilidades

nunha cidade onde o tempo non se detiña,

os anos seguían correndo

e os colegas envellecendo.

Onde quedaron os tempos onde eu era moderniña?

A miña vida non fora afortunada,

as miñas lembranzas definen a morriña

acolledora coma as apertas dos meus,

coma os reencontros cos meus recordos,

coma o exilio dos meus pensamentos.

Presa do desexo de liberdade,

chea de esperanza por parar o tempo,

sabendo que é unha mentira,

debuxo minutos interminables

sentindo a eternidade coma un escándalo.

O cárcere onde me atopo cada vez era máis fondo

e convertérase nun lugar claustrofóbico.

Xa non tiña ningún recuncho onde agocharme.

O paso dos minutos era inquietante

sentindo como os últimos segundos da miña vida me aprisionaban.

Club de lectura, “lecturas e andanzas I,II- 23 de abril 2022

Baseado na lectura da obra de Fran Alonso, Silencio.

 En que estarán tan concentradas Anum, Naiara  e Uxía? 


Esperamos poder compartir o máis pronto posible o remate desta nova andanza.