martes, 26 de marzo de 2019

SEXTA E SÉTIMA SESIÓN DA LECTURA DE INVISIBLE, ELOY MORENO

Ola a tod@s!
A sesión de hoxe foi moi, moi, moi produtiva, xa que o texto lido lembrounos a realidade que vivimos a semana pasada: exames, avaliación.... Isto levounos a deter a lectura para dar a nosa opinión sobre unhas palabras que o protagonista do libro lembraba que lle dixera o seu tío profesor. Aí estivemos falando de se é mellor pasar desapercibid@s, que destacar no grupo clase. 
Rematado o debate continuamos a lectura, porque tod@s queriamos saber que lle acontecera nese exame ao protagonista, aínda que xa nos imos imaxinando a súa realidade. 

Ah! temos que dicirvos que este libro quedaramos en lelo tod@s xunt@s, pero houbo alguén que non puido resistirse e rematouno de ler. A quen nos estaremos referindo????  De todos os xeitos, hoxe gardaron o segredo e continuaron a lectura coma se nada... 
Lara e Aroa léndonos. 


Aroa púxolle voz ao resumo de hoxe. 



Compartimos a sétima xuntanza desta obra nas palabras de Candela e Iria.



Ata a próxima! Ao ritmo que imos, seguro que para a seguinte sesión xa tod@s rematamos "individualmente" a lectura de Invisible
Contarémosvos. 
Boas lecturas! 

mércores, 20 de marzo de 2019

QUINTA SESIÓN DA LECTURA DE INVISIBLE, Eloy Moreno

Boas a tod@s!
Nesta sesión do club de lectura continuamos mergullándonos na historia que conta Eloy Moreno en Invisible. Xa estamos desexando saber de que accidente se fala e outras moitas máis cousiñas...

Polo momento deixámosvos co resumo do lido hoxe nas voces de Candela, María e Jenni.

domingo, 17 de marzo de 2019

NOVOS TALENTOS

O venres día 15 de marzo tod@s nós estabamos animando ás nosas compañeiras MIREIA, SABELA, LARA E NAHIR ( 2ºESO A- B), que decidiran afrontar un novo reto na súa vida: sentirse escritoras mergullándose na creación dos seus relatos.

Ás 10 da mañá dirixíronse á Facultade de Humanidades, onde as estaban esperando outr@s alumn@s de diferentes centros educativos da provincia de Lugo, para comezar a aventura que levará a algún ou algunha  a converterse " no novo talento de relato curto".

Os organizadores do evento déronlles a coñecer o estímulo creativo para construír o seu relato literario. 


E comezou o tempo da maxia para elas e para tod@s os participantes. 


Parabéns por participar e SORTE: Mireia, Sabela, Lara e Nahir.

As  representantes do IES Muralla Romana



martes, 12 de marzo de 2019

Invisible, cuarta sesión

Nesta sesión do club de lectura non puideron asistir algúns e algunhas compañeir@s porque é tempo de exames, e moit@s estaban comezando ou finalizando algunha destas probas. Este feito non impediu que @s asistentes continuásemos lendo e comentando a obra que tiñamos entre mans: Invisible. 
E para que non perdades o fío da lectura Lorena, Sara, Lucía e Valeria achéganvos a parte da historia que lemos hoxe:




aviso AVISO PARA NAVEGANTES!
XA QUE O MARTES 19 é festivo, celebraremos a reunión do club de lectura o LUNS 18. 



luns, 11 de marzo de 2019

CONCURSO EX LIBRIS

O momento que vive a nosa biblioteca non impide que sigamos gozando das lecturas, dos préstamos e de todos os recursos que esta nos brinda. Unha mostra é o concurso que o grupo de biblioteca organizou entre todo o alumnado no mes de xaneiro para elixir o EX LIBRIS, é dicir, o selo que se empregaría para rexistrar os novos fondos e usalo nos xa existentes ( traballo duro e longo, cremos).

Estamos orgullos@s porque a gañadora foi MARÍA PENÍN ( 1ºESO B), membro do club de lectura. 


Deseño gañador e agasallo

María ( voceira do xurado) entrega o premio en compañía de José Luis, Silvia e Marta


María amosando o seu agasallo


María co seu selo personalizado.

A gañadora selando o primeiro libro co EX LIBRIS deseñado por ela
Orgullosa ten que estar que o seu deseño sexa o que rexistre todos os fondos da biblioteca.

Moitas grazas a todas as persoas que participastes no concurso, porque todos e todas sodes gañador@s por voar con nós nesta actividade. XA SABEDES: agora tócavos deseñar o voso EX LIBRIS.

PARABÉNS, MARÍA.  

Reorganizando a biblioteca

Este curso  a biblioteca do centro está reorganizándose para facela aínda máis accesible e aberta a tod@s. Non queremos cansarvos contándovos como está nestes momentos,  porque o imaxinades: expurgo, consensuar  CDU, recolocar fondos... Vai unha pequena mostra.

xoves, 7 de marzo de 2019

DÍA 8 DE MARZO, DÍA DA MULLER

Achégase o día 8 de marzo, DÍA DA MULLER. 

Aquí vos deixamos  coa ilustración de Roumaissa Amel (2ºESO) para amosar que estamos pola IGUALDADE! 

E agora con algúns textos:

O PAPEL DAS MULLERES


Tanto os homes coma as mulleres debemos ter os mesmos dereitos e as mesmas obrigas, pero a sociedade non o demostra.
O papel das mulleres en anos anteriores era inxusto. Eran “propiedade” do home; os nenos tiñan máis preferencia para ir á escola cás nenas; as mulleres non podían participar no exército, non podían votar, non podían vestirse con liberdade... Só tiñan que atender o traballo doméstico, coidar dos fillos e fillas e a outras cousas, “ sen importancia” para os homes.
Estamos no século XXI e a verdade é que hai moitas cousas que cambiaron en comparación cos tempos anteriores, pero aínda escoitamos malas noticias de abusos, maltratos, asasinatos... Inxustizas no campo laboral porque vemos que os homes seguen cobrando máis cás mulleres, cando fan o mesmo traballo. En fin, que non todo se conseguiu.
Por iso queremos lembrar que:
A muller é un ser humano que debe ser respectada coma todas as persoas, e que as mulleres non somos  “presa “ de ninguén.
As mulleres non queremos ser máis cós homes, o único que desexamos é que todas as persoas teñamos os mesmos dereitos.
Entre todos e todas temos que parar coa desigualdade entre homes e mulleres!
Roumaissa Amel, 2ºESO B

Dende o meu punto de vista ningún dos xéneros é superior ao outro, pero nesta sociedade semella que isto non é así, xa que a muller está infravalorada en moitos aspectos, traballos, salarios, recoñecemento social...
A día de hoxe temos que seguir loitando, acudindo a manifestacións e celebrando o día 8 de marzo - día da muller- para conseguir que a igualdade, algún día, sexa realidade.
Creo que o máis importante para conseguir a igualdade é unha educación sen machismo desde pequenos e pequenas, dende as familias, nas escolas e dende a sociedade. Só así deixaremos de escoitar que as cores teñen xénero ( nin o rosa para as nenas, nin o azul para os nenos) e eliminaremos os prexuízos á hora de comprar os xoguetes dependendo de se son  nenos ou nenas.
Eduquemos dende pequenos e pequenas en igualdade!
Noa Pin, 2ºESO B

Hoxe veño falar dun tema moi importante:  a desigualdade de xénero.
Estou farta de escoitar que “ o feminismo está de moda”. Non se trata de ningunha “moda”; porque o feminismo implica igualdade, por iso debería ser a norma a seguir dende sempre.
Non é normal que cada día que poña a tele escoite: “ morre unha muller asasinada polo seu marido, mozo, parella ou exparella”.  O que sucede é que estas noticias están  tan normalizadas que non se lle dá a importancia que tería que dárselle. A día de hoxe non pode ser que unha muller queira saír á rúa pola noite e sinta  medo por se alguén lle vai facer dano, tendo que levar o móbil e as chaves na man, ou que se nos cualifique “simplemente” por como vestimos. Cada muller é libre de ir a onde queira e como lle dea a gana.
Estas son algunhas das situacións que entre todos e todas teriamos que cambiar, e máis nós, coma mulleres que somos. Penso que se todos e todas puxeramos un pouco da nosa parte ( as mulleres como feministas e os homes como aliados), pouco a pouco poderiamos cambiar esta situación.
Non se trata de poñer a muller por riba, simplemente de igualdade, de conseguir a igualdade de xénero.
Únete a nós pola igualdade!
Sabela López, 2ºESO B