xoves, 2 de febreiro de 2023

CONTINÚA A NOVA ANDANZA, PISADAS LITERARIAS

Ola a todos e todas! 

Hai un tempiño compartimos a entrada, Arte literaria pola cidade de Lugo, que sería o comezo da nosa nova aventura e na que levamos traballando dende aquela (non podemos falar moito; porque, ata tela rematada,  debemos ser prudentes). Hoxe fomos testemuñas dunha  "Pisada"  firme e importante para esta nova andaina: IAGO EIREOS (ARTISTA, INVESTIGADOR E DOCENTE) achegouse ata o noso centro para compartir con representantes do club de lectura uns momentos e responder as súas preguntas co fin de seguir contextualizando esta nova andaina.   


Silvia, Uxía, Dani, Pablo e Naiara entrevistaron a Iago Eireos e viviron uns momentos que lles souberon a pouco por toda a información que recompilaron e logo compartiron cos/coas seus/súas compañeiros/as dos clubs de lectura. 















Despedímonos agradecéndolle que compartira o seu tempo con nós, aceptara as nosas "peticións" e por deixarnos unha "PISADA" imborrable no camiño que estamos percorrendo. 

Grazas IAGO -ARTISTA- por facer da nosa cidade, un lugar aínda máis fermoso. 


Recomendamos escoitar o audio da entrevista que recolle as palabras dun auténtico ARTISTA, Iago Eireos. (Como comprobaredes, ás veces os entrevistadores pasan a ser entrevistados)



Continuará...

mércores, 1 de febreiro de 2023

DÍA DA PAZ 2023 (SEGUNDA PARTE)

Xa vos informamos que o grupo de contacontos dos clubs de lectura compartiron o Día da Paz coa rapazada do CEIP Albeiros. Agora queremos contarvos como o vivimos no centro, pero non só ese DÍA, porque  foi un traballo que estivemos preparando con anterioridade e co seguimos concienciados/as todos os días. 

Frases, poemas, carteis, deseños, contos... 

Comezamos con frases que elaboraron Aroa, Izan, Antonio Y., Cristiana, Lucía, Jonathan, Mario e Yasin  (1ºESOC)  co fin de lembrar que: 

A PAZ É A MELLOR MANEIRA DE DEMOSTRAR O AMOR. 

ES FELIZ SE FAS FELICES AOS DEMAIS 

O RESPECTO É O QUE DEBE MOVER OS CORAZÓNS. 

Sara, Sarabi, Rabab, Martín (1ºESOA) compuxeron un poema, que ilustrou Markus, para lembrar este DÍA. 

Corazóns puros e sinceros.

Mundo libre e sen violencia.

Amizade verdadeira e compartida.

Cae a choiva

Sae o sol

Resplandece un arco iris

E

CHEGA A POMBA VOANDO

LEMBRANDO QUE A PAZ ESTÁ REINANDO.

 

 No seguinte audio podedes escoitar todas as frases e o poema nas voces dos seus/súas autores/as. 

Deixámosvos cos contos que escribiron e aos que lles puxeron voz o alumnado de 1º e 2ºESO. Así é como eles e elas senten A PAZ. 

Rafael (2ºESO) e A pomba mensaxeira. 

Pablo (2ºESO) e Os dous elefantes.

Nicolás (2ºESO) e O neno prodixio. 

Lidia (1ºESO) co seu conto da paz.

Diego (2ºESO) Os días da paz. 

Daniel (2ºESO) O libro esquecido. 

Charo escribe a súa historia sobre a paz e ponlle voz a súa compañeira Sabatieli (1ºESO)


Antonio Adonai (1ºESO) escribe e ponlle voz á súa historia sobre a paz. 


Ana Sofía (2ºESO) e a súa historia sobre a PAZ. 

E para rematar esta entrada, deixámosvos co mural que realizaron as compañeiras de 2ºPEIEST para lembrar este día. 



Como pensou o alumnado de 1ºESOC, LEMBRÁMOSVOS:

A TRANQUILIDADE PERMÍTECHE PENSAR ANTES DE ACTUAR.


A IGUALDADE E A PAZ DEBE REINAR ENTRE TODAS AS PERSOAS E PAÍSES. 

A FORZA SÓ É PRECISA PARA QUE AS POMBAS VOEN LIBREMENTE POLO CEO. 


DÍA DA PAZ 2023

O día 30 de xaneiro, Día da Paz, o grupo de contacontos dos clubs de lectura compartimos as nosas historias coa rapazada do CEIP Albeiros. Canto nos tardaba volver realizar esta actividade!

Chegamos ao CEIP Albeiros (para moitos/as de nós, o noso antigo colexio...) e xa nos viñeron recibir cos brazos abertos. Algo nerviosos/as estabamos, pero ao ver a acollida xa nos fomos tranquilizando un pouquiño. As profes leváronos ata a biblioteca, espazo no que realizariamos a nosa representación,  nisto empeza a entrar o público e volveron os nervios... Unha vez sentados todos e todas, comezamos... 

Sara, Miguel, Carla, Noa, Khady, Moraima, Malena, Carla, Desi e Anum preparados/as. 


Sara comezou presentándolle ao público os/as seus/súas compañeiras. Abriu a actuación Carla e Noa, acompañadas de Miguel,  que lles contaron unha historia sobre o vento e o sol e na que necesitaron axuda dos espectadores. Continuou Carla, que conseguiu converter a todos e todas os nenos e nenas en magos e magas da PAZ para acabar así coas mentiras. Sara lembroulles o conto dos "fueguitos", facendo que cada neno e nena se dese conta que dentro deles/delas levan un que ilumina o mundo. Desi ensinoulles a plantar a semente da PAZ para que medre unha árbore que cubra o mundo e o protexa das guerras e inxustizas (tamén lles ensinou a nadar e remar...). Anum e a súa fochanca (aínda estarán agora os pequerrechis/as lembrando as veces que caeu por...) fíxoos pensar e darse conta de que os obstáculos sempre se poden salvar. Khady e Miguel comeron moitas galletas e case acaban coa paciencia do público (sobre todo por Khady que non escoitaba do que a estaban avisando), pero lembráronlles que antes de enfadarse hai que pensalo moi ben. Moraima e Malena describiron dúas pinturas que reflectían a PAZ, pero o máis importante é que escoitaron como a pintaría o público. Chegou a última actuación, na que participamos todos e todas. Desi narraba o conto, Anum era o elefantiño que se perdera e o resto do grupo eran elefantes ou búfalos. O público tiña que participar nesta historia decidindo o final. Con que se irían? Cos elefantes ou cos búfalos? Que os engaiolaría máis, o TUUUUUUUUU ou o MUUUUUUUU?  Nós sabémolo. 













E REMATAMOS A ACTUACIÓN AGRADECENDO A TODO O PÚBLICO A SÚA PARTICIPACIÓN. 

E como non, a TODO O PROFESORADO QUE NOS ACOLLEU COS BRAZOS ABERTOS E NOS AGASALLOU CON CARIÑO E DOZURA. 


Chegamos ao instituto e, mentres almorzabamos, xa pediamos repetir a experiencia porque nos enchera de ilusión vendo como os nosos contiños axudaran a pasar a todos e a todas uns momentos inesquecibles e enriquecedores. 


 Agora deixámosvos co vídeo que recolle uns momentos da nosa actividade.