domingo, 22 de decembro de 2019

DESPEDIMOS O PRIMEIRO TRIMESTRE

Chegou o momento de dicirlle adeus a este ano e de desexar que o 2020 veña cheo de ilusións, cores, luz, desexos cumpridos, e de todo o que se poida imaxinar...

Comezamos adornando a árbore de Nadal cos nosos desexos.


Grazas á colaboración de tod@s @s nos@s compañeir@s, colocamos os agasallos a carón da árbore das ilusións. 


Continuamos participando en todas as actividades programadas, xa que @s lector@s e e andantes, non só gozamos coa lectura.

Aquí vos deixamos o vídeo das actividades: 


>
Clic no símbolo  da barra inferior para ver a pantalla completa




Que vos parecen estas?
E tantas e tantas...


mércores, 11 de decembro de 2019

Yolanda Castaño descubriunos os segredos da poesía

Hoxe tivemos a grande sorte de coñecer a Yolanda Castaño, filóloga, tradutora, crítica literaria, poetisa, presentadora de televisión... e, sobre todo, amiga d@s amig@s.

Tod@s sabiamos que hoxe, a sesión do club comezaría ás 11,30h e tiñamos que ir xa "alimentad@s", porque sería de mala educación estar comendo diante da nosa convidada. Así o intentamos facer a maioría.
Cando chegou Yolanda Castaño, os membros dos clubs de lectura  estabamos agardándoa con todo o interese.

Jennifer encargouse da presentación e  de facerlle dúas preguntas: 
- Pensas que se todas as persoas nos puxeramos de acordo, poderiamos cambiar este mundo? 
- De onde sacas o tempo para facer tantas cousas, como fas? 

(non  imos compartir as respostas porque algo terá que quedar entre nós, non si?) 

Yolanda contounos os seus comezos e logo adentrouse no mundo da poesía. Sabiamos que o obxectivo do taller era conseguir que lle perderamos o medo a este xénero, e Yolanda CONSEGUIUNO "totalmente". Nin cando comezou a falar de metáforas, comparacións, tipos de rima... sentimos arrepíos. En absoluto! Sentimos a poesía como algo próximo a nós, xa que a todas as horas do día estabamos empregando figuras literarias, sen nós sabelo. Enganchounos cando nos puxo un exemplo matemático: 2+3 son 5 hoxe, e era así tamén no s. XIX, tanto na China como aquí. E gañounos totalmente ao identificarnos como lector@s  de poesía. "Cando abrides un libro de poemas, pensades que estades lendo un xeroglífico e dádeslle a volta por se trae a solución".

Seguiunos amosando que a poesía é algo próximo, que vive en nós, que non ten fronteiras e que hai que gozala, non "descifrala.

Tocaba traballar: 
Tiñamos que crear metáforas sobre o SOL. 
Que diferenza existe entre: 
O sol é coma unha lámpada que ilumina os nosos días
e
O sol é unha lámpada que ilumina os nosos días? 



continuamos achegando os nosos versos, pensando na estrutura da estrofa: rima 2º con 4º e quedan libres 1º e 3º. 

consonante, asonante...



Ata darlle forma ao poema que compuxemos tod@s. 

Agora deixámosvos cunha presentación na que poderedes ver un resumo do taller e ler o poema, que conseguimos elaborar grazas a Yolanda. Unha recomendación: non o leades coma se fose un xeroglífico! 



Para rematar van as palabras de Iria L.  sobre o taller:  
"Pareceume un taller sorprendente e orixinal, non só polo pouco que estamos afeitos á poesía, e ó descubrimento que supón que unha experta a faga chegar a nós de maneira tan sinxela e didáctica, senón polas expectativas que temos sobre este tipo de charlas. Adoita ser todo teórico, sen participación ningunha, e que, de súpeto, vísemos un poema composto por nós mesmos... e que incluso soaba ben... foi toda unha revelación. Incrible! Penso que agora tod@s vemos a poesía con novos ollos, con máis cariño". 



Moitas grazas, Yolanda Castaño! 

domingo, 8 de decembro de 2019

Outra sesión do "noso" Rubín

Hoxe comezamos o cuarto capítulo de El héroe, que nos sorprendería cun novo traballo do lendario Heracles.


Despois de ler a captura da cerva de Cerinea decidimos que xa podiamos esperar todo deste cómic, é dicir, que David Rubín faría das súas outra vez para deixarnos pampos a tod@s. 


Uff...! se vos digo máis xa conto o libro, e daquela non tería graza! Pero o que si podo dicir é que nos segue deixando a tod@s engaiolad@s o seu xeito de ver a mitoloxía. 
Este cuarto capítulo trata, como non, do xabaril de Erimanto. Os comentarios sobre o traballo anterior coméronnos medio recreo, pero deunos tempo a avanzar até a terceira páxina da nova aventura. Como diría a nosa coordinadora principal: " ídevos deitar!" -con face de desaprobación suprema-, se nos vise así de paroleir@s. Menos mal que nos puxemos en serio cando chegou  >~<. Pero é o que teñen os bos libros: dedícaselles tempo, e @s lector@s sempre temos unha morea de curiosidades e preguntas, logo da lectura dos relatos.

De momento estamos xusto na escena na que o descomunal xabaril, despois dunha loita afouta, cae na artimaña ideada polo heroe. Heracles apúntalle coa súa espada directamente ao corazón. Vaino matar... ou non?


Soa o timbre, a dúbida bate con forza no caletre... Saberémolo todo o vindeiro mércores. Non vos faremos agardar!


Iria Liñares


luns, 2 de decembro de 2019

Maratón de cine

A sesión de hoxe do club non foi de lectura, xa que tiñamos que comentar e redactar a entrada contando a  nosa experiencia no IX Maratón de cine d@s nos@s compañeir@s:  " Argalleir@s das letras". E así o fixemos.


O pasado xoves, o IES Plurilingüe Castro da Uz ( As Pontes) convidounos a pasar unha noite vendo películas xunto ao alumnado do club de lectura ( Argalleir@s das letras).

Cando chegamos axudámoslles a colocar as colchonetas no salón de actos, onde iamos pasar a noite. 

Antes de comezar as películas, saudámonos e démoslles uns agasallos ( dous libros para a biblioteca,  marcapáxinas deseñados por nós e uns bolis) en sinal de agradecemento por convidarnos. 

Un pouco máis tarde do previsto (xa que eramos arredor de cen persoas...), sobre as 20:30h comezamos a ver a primeira das películas, El héroe de Berlín, que rematou ás 22:30h.

Tocaba descansar para cear, tamén nos invitaron a unhas riquísimas pizzas. No tempo da cea seguimos coñecéndonos... 

Rematado o descanso continuamos coas seguintes catro películas ata as sete da mañá. 

Había que recoller o salón de actos e deixalo en perfectas condicións. Dende aquí pedimos desculpas porque á hora de recoller, @s "lector@s e andantes" non nos preocupamos diso e só comezamos a axudar cando "nos botaron a bronca". O importante é que ao final quedou todo recollido, cadeiras colocadas e listo para o seu uso... Despedímonos ( aínda que non de todos e todas) e subimos xa ao autobús para volver ao insti. 

Queremos agradecervos a vosa invitación e esperamos repetir os vindeiros anos, xa que nos COMPROMETEMOS a ser solidari@s e manter silencio en todas as películas para que todos e todas poidamos gozalas. 

Aínda que "algunhas persoas" pensen que non vimos as pelis, si que as vimos, e podemos dicir que a que máis nos gustou foi Divergente,  Ex- Machina resultounos un pouco "rara". Tamén nos gustou El heroe de Berlín (aínda que algo longa) e démonos conta de que non puidemos ver Figuras ocultas porque daba problemas e no seu lugar vimos Custodia compartida. Como vedes gozamos das pelis, da compañía e da experiencia, pero recoñecemos que armamos algo de barullo.

Agora deixámosvos cunha lembranza deste día:



Moitas grazas, "Argalleir@s das letras" por contar con nós.