xoves, 15 de decembro de 2022

COÑECÉNDONOS NO CURSO 2022/23

Aquí estamos un curso máis coa nosa sección de "ENTREVISTAS" para coñecernos un pouquiño mellor. 

Comezan Noa e Nuno entrevistando a profesora de inglés, Marta C.

Agora son Sofía e Antón O. os que conversan con Noelia, a súa profe de francés e inglés. 

Salma e Emma entrevistan a Maite, titora e profesora de tecnoloxía e plástica. 

Anxo e Serxio comparten un tempo con Laura, a súa profesora de matemáticas. 

Antón R e Izan (1ºESO) entrevistan a Queque, o seu profesor de relixión. 


martes, 13 de decembro de 2022

ARTE LITERARIA POLA CIDADE DE LUGO

Hoxe comezamos, acompañados de Guido -o noso amigo-, unha nova aventura. Moitos e moitas dos/das que participamos animabamos ás novas incorporacións lembrándolles o libro que publicaramos e presentaramos o curso pasado, Andanzas literarias. Este curso non vai ser menos!!! Non vos queremos adiantar moito, pero si  compartir con vós o ben que o pasamos e o que aprendemos da man do noso guía favorito que nos achegou "A arte literaria da nosa cidade".

Saímos ás nove do instituto e, a pesar de que as condicións meteorolóxicas non nos animaban moito, NON NOS FIXERON FALTA OS PARAUGAS, xa que a nosa enerxía conseguiu que non caese nin unha pinga.


Comezamos o percorrido  fixándonos e mirando para o chan... 





Continuamos camiño e non quedou un recuncho da cidade sen ver nin comentar...  




Logo de cinco horas e 12 kilómetros camiñados volvemos ao instituto pensando descansar, pero NON foi así. Tocaba seguir



pensando e organizando -cheos de ilusión- o traballo que nos agardaba. Pero iso é OUTRA HISTORIA. 

En fin, un ano máis coñecemos segredos que agocha a nosa cidade, neste caso MERGULLÁMONOS NAS PEGADAS LITERARIAS DAS SÚAS RÚAS PARA SEGUIR ENRIQUECÉNDONOS.  

Se María Victoría Moreno escribiu: " O meu co galego é unha historia de amor", o que sentimos nós  pola nosa cidade, pola nosa cultura e pola lectura É PAIXÓN!



GRAZAS Guido por ser o noso amigo e seguir  compartindo (a pesar da catarreira) o teu tempo con este club de lectura. Cóidate!



Continuará...


domingo, 11 de decembro de 2022

LA VIDA NOCTURNA DE LOS ÁRBOLES

Comezamos nova lectura que segue amosando o noso compromiso coa NAI TERRA e cos valores humanos.  La vida noctura de los árboles, escrita e ilustrada por Bhajju Shyam, Durga Bai, Ram Singn Urveti. 

O comezo custou porque tiñamos que afacernos á pronuncia de nomes de culturas diferentes;  pero a satisfacción que sentimos no coloquio final, grazas á intervención das nosas compañeiras, pagou a pena,  xa que algunhas  compañeiras lembraron as mesmas historias que coñecían dende pequenas na súa cultura e compartiron as súas versións.

Seguimos compartindo!


martes, 22 de novembro de 2022

PREPARANDO E VIVINDO O 25 DE NOVEMBRO

Xa hai varios días que estamos traballando para lembrar que xa imos moi fartos e fartas de ter que seguir dicindo



a esta violencia e a todo tipo de desigualdades e inxustizas. A nosa compañeira Anum realizou o deseño que nos acompaña dende hai días no noso traballo. 
Polo momento, quéremos deixarvos coa letra que compuxo Antonio Y. (1ºESO) e foi interpretada por el mesmo e os/as seus/súas compañeiros/as para que vaiades lembrando o texto e poder cantalo todos e todas xuntos/as o venres. 



E para ir ensaiando, deixámosvos co audio (base Lil Alone) que gravaron. 

Todos e todas seguimos amosando o noso descontento por este tipo de violencia, por iso foron moitos os traballos que realizamos e propoñían dende A BIBLIOTECA, O EDLG, O CLUB DE LECTURA...

- Investigamos o motivo que levou a decidir elixir a data do 25 de novembro como o Día Internacional da eliminación da violencia contra a Muller, e tamén sobre a orixe da cor morada que o acompaña. 

- Elaboramos haikus que lembraban a nosa investigación e transmitían as nosas sensacións. 



- Compuxemos cantigas baixo o lema "PORQUE XA NON ESTAMOS NA IDADE MEDIA"


- Deseñamos carteis  (decidimos deixar a imaxe de Rosalía de Castro porque ela segue guiando o camiño a moitas MULLERES). 

- Realizamos un concurso de deseños para facer  chapas e eliximos os catro máis votados. O día 25 de novembro todos e todas collemos unha para amosar o noso compromiso. 


- Logo dun traballo de investigación, os/as nosos/nosas compañeiros/as de FPBásica realizaron murais baixo o lema: NON SON CIFRAS SON VIDAS!"  


- Elaboramos frases e mensaxe contra esta violencia en moitos idiomas e, grazas á colaboración dos/das nosos/nosas compañeiros/as, tamén en caló. 

- Gardamos un minuto de silencio ás 12:00h e logo reflexionamos escribindo e comentado. 



AGARDAMOS QUE ESTA VIOLENCIA REMATE XA!!! 





CARTA AO DIRECTOR PUBLICADA EN EL PROGRESO

Hoxe no club estabamos moi contentos, xa que saíra publicada a carta que escribiu a nosa compañeira Anun, en nome de todos e todas nós, e que amosa  o noso compromiso co tema que nos uniu na primeira lectura, O home que plantaba árbores de Jean Giono. 

Deixámosvos coa lectura da carta que realizamos en Radio Llama e foi lida por Carla. 

martes, 15 de novembro de 2022

LECTURAS E ANDANZAS I COA SÚA PRIMEIRA LECTURA

 Xa levamos sesións dedicadas á nosa primeira lectura, O home que plantaba árbores, de Jean Giono e hoxe rematámola.

Decidimos ler este libro porque estamos preocupados por temas que afectan ao noso planeta, en especial polo  cambio climático que provoca poucas precipitacións, aumento na temperatura e  que está mudando todo. Agora en Galicia gozamos dunha climatoloxía envexable, QUEN O DIRÍA!! Pero iso repercute negativamente no mundo. Esta lectura achegounos a debates interesantes, como foi o día en que falamos de adquirir un compromiso entre todos e todas para facer un consumo máis responsable da auga. Logo de moito debater, decidimos escribir unha carta ao director, que mandará a nosa compañeira Anum e desexamos ver pronto publicada.  

Animámosvos a todos e a todas a ler este relato, que está traducido a moitos idiomas, porque non vos deixará indiferentes. Neste enlace podedes lelo en castelán. 

Compartimos o audio co final da lectura nas voces de Carla e Sara. 

"Cando penso que só un home armado unicamente dos seus recursos físicos e morais, foi capaz de facer xurdir dun ermo esta terra prometida, convénzome de que,  a pesar de todo, o xénero humano é admirable. Pero cando fago o cómputo da constante grandeza de espírito e da teimosa benevolencia que, sen dúbida, requiriu alcanzar este resultado, embárgame un inmenso respecto por este vello campesiño iletrado que soubo completar unha obra digna de Deus. 

Eleazar Bouffier faleceu tranquilamente en 1947, no hospicio de Banon." 

Como seguimos investigando, achegamósvos o epílogo para que vos sigades animando a ler toda a historia. 



PARA DEIXAR A LEMBRANZA DESTA LECTURA, DECIDIMOS PLANTAR UN CARBALLO EN MEMORIA DE "ELZÉARD BOUFFIER", e non é ficción. 

Este libro deu para moito... A que vós non sabedes que tedes unha árbore que vos protexe? Buscádea e coidádea como ela fai con vós. 
 

A MAXIA DA LECTURA! 

luns, 14 de novembro de 2022

FAI VINTE ANOS... "NUNCA MÁIS!"

- Onde estabas o 13 de novembro do 2002?
- Pero se aínda non naceramos!!!

Así comezamos hai uns días a falar dun dos maiores desastres ecolóxicos que viviu Galicia hai vinte anos. Aínda que non naceramos, si lembrabamos, grazas aos nosos pais e nais, o nome do Prestige, do lema NUNCA MÁIS! e outras cousiñas que foron saíndo. Démonos conta que somos unha xeración que non viviu directamente ese desastre ecolóxico, pero que somos o futuro e temos moi claro que HAI QUE COIDAR O NOSO PLANETA, poñendo todos os recursos que teñamos na nosa man e pedíndolles aos que gobernan que tamén o coiden. 

Lembrando esa MAREA BRANCA, ESA MAREA DE SOLIDARIEDADE, que axudou a vencer a marea negra, nós quixemos sentirnos herdeiros deles e delas, desas persoas que viñeron de todas as partes do mundo a axudar a limpar as nosas costas, a axudar ás persoas que máis o precisaban, a axudar a que a nosa Terra volvese ter un mar azul e cheo de vida, e por iso lembramos o pasado para EVITAR QUE NUNCA MÁIS SE REPITA. Que mellor forma de facelo que lendo o libro que recolle as creacións realizadas por alumnos e alumnas que terían a nosa idade hai vinte anos! Así foi como comezamos a ler: Nunca máis. A ollada da infancia. 

Aquí vos deixamos coas primeiras lecturas na voz dos herdeiros da  MAREA DA SOLIDARIEDADE: 

xoves, 10 de novembro de 2022

LECTURAS E ANDANZAS II comezan a segunda lectura

Hoxe tivemos un pequeno problema á hora de comezar o club, xa que tiñamos pensado continuar co volume 2 de Heartstopper2. Mi persona favorita,  pero non puido ser por circuntancias que non veñen ao caso comentar... Decidimos empezar a ler outra das lecturas que tiñamos propostas para o curso e así foi como nos mergullamos na historia de Neon Genesis Evangelion (edición coleccionista), que é a versión manga da serie de anime do mesmo nome,  da que Yoshiyuki Sadamoto é o debuxante e guionista. 

Como hai novas incorporacións ao club de cómic, comezamos a familiarizarnos coa lectura do manga.  Aquí vai a mostra. 


Logo comezamos a LER!!!



xoves, 3 de novembro de 2022

LECTURAS E ANDANZAS II REMATAN A SÚA LECTURA

Na sesión de hoxe rematamos de ler  Heartstopper 1. Dos chicos juntos de Alice Oseman.  Para facilitarvos o comezo, podedes premer aquí  e así lembrar como decidimos realizala. Non creades que foi moi fácil repartir papeis, porque había quen xa os tiña asignados dende un principio... Pero a nosa compañeira Malena soubo guiar en todo momento esta lectura para que todos e todas tiveran o seu momento e se sentisen protagonistas da historia. 

Audio coa lectura do final de Dos chicos juntos. 


Se esta lectura foi pracenteira, aínda máis o foron os comentarios que xurdiron dela. Aquí vos deixamos con algúns  para que vos animedes a ler e compartir. 

E con tanta emoción, esquecémonos das fotografías. 
Ata o seguinte!

martes, 1 de novembro de 2022

NO CURSO 2022/23 SEGUIMOS MEDRANDO COAS LECTURAS E ANIMÁNDOVOS A LER!

Un ano máis continuamos LENDO E COMPARTINDO con todos e todas vós!

Lembrámosvos que nesta entrada iremos deixando audios das nosas lecturas, se queredes escoitar máis recomendacións podedes buscar na etiqueta, "As nosas lecturas" e seguro que algunha vos fará viaxar dun xeito gratificador. 

Deixámosvos coa primeira deste curso na voz de Ana Sofía (2ºESO) que comparte a súa opinión sobre o cómic Engurras de Paco Roca

Micaela (2ºESO) achega a súa opinión sobre esta mesma obra. 

Diego Alejandro (2ºESO) comparte a lectura de Palabras de caramelo, escrita por Gonzalo Moure. 


Seguimos compartindo, Adrián Cuevas (1ºESOA) achega a súa opinión sobre a lectura O neno de lume de Ledicia Costas. 


Agora é Martín V. quen opina sobre a mesma lectura de Ledicia Costas. 

Anxo Martiño (1ºESOC) anímanos a ler As pombas de Bastián, obra escrita por María Canosa


Antón Rego (1ºESOC) comparte a opinión da súa lectura, Volverás golfiño de Andrea Maceiras con todos e todas. (Pedimos desculpas polo boureo que se escoita nalgúns momentos do audio,  pero foi gravado no tempo de lecer...)


Antón O. (1ºESOA) anímavos a ler a mesma  obra de Andrea Maceiras. Logo de escoitar as súas palabras agardamos que  vos acheguedes a Volverás golfiño


Marco (2ºESOA) anímanos a ler Europa express, obra escrita por Andrea Maceiras


Agora é Nicolás (2ºESOA) quen opina sobre esta mesma obra de Andrea Maceiras. (Desculpas por ese Xacobé, cando quería dicir Xacobe, pero son os nervios do directo). O importante é que estas dúas opinións vos animen a ler a obra. 


David (1ºESOA) comparte a súa opinión sobre a lectura de O misterio de Portomarín, escrita por Antía Yáñez. 


Agora é María (1ºESO) a que comparte resume e opinión sobre a mesma obra. 


Pablo (1ºESO) comparte o resumo sobre esta mesma obra de  Antía Yáñez. 

Pablo R. (2ºESO) achega a súa opinión sobre esta mesma obra. 


A opinión sobre Fume, obra escrita por Antón Fortes e ilustrada por Joanna Concejo achéganola Sergio (1ESOC).


Estev (1ºESOC) achega a súa interpretación sobre a mesma obra de Antón Fortes

Daniel ((2ºESOA) comparte a opinión da lectura Nubes de evolución, escrita por Andrea Maceiras


Iago (1ºESOC) anímavos a ler a obra de Paco Martín, A rula, o peluche e a nena. 


Moraima (1ºESOB) achega a súa opinión sobre Cartas de inverno, obra escrita por Agustín Fernández Paz. 


Malena  (1ºESO) achega o resume e a súa opinión sobre a mesma obra de Agustín Fernández Paz. 


Andrea, Maryam, Miguel, Narjes e Sabela (2ºESO) leron  El árbol rojo, escrita por Shan Tan e agora opinan e animan a ler esta obra que non vos deixará indiferentes e vos fará ver a vida doutro xeito. 


Sarai (1ºESOC) achega o seu comentario da lectura da obra Os peixes de cores, escrita por Antonio García Teijeiro. 


Daniel (2ºESO) achega a súa opinión sobre a lectura do cómic de Miguelanxo Prado, O pacto do letargo. 


Antón R. (1ºESO) comparte as impresións que lle transmitiu a lectura do cómic de Inés Vázquez, Aldara. A lenda do cervo branco. 


Antón O. (1ºESO) achega a súa opinión sobre a lectura de Pan con cholate. A merenda de Gianni, escrita por Paula Carballeira


Carla C. (1ºESO) comparte a súa opinión sobre a lectura Papá caníbal escrita por Antonio Manuel Fraga e ilustrada por Santy Gutiérrez. 


Moraima (1ºESO) achega a súa opinión sobre a obra de Héctor Cajaraville, O segredo da casa de Formoso. 


Rafael (2ºESO) resume e opina sobre Reencuentro, obra escrita por Fred Uhlman



Lucas (2ºESO) comparte  opinión sobre a mesma lectura de Fred Uhlman



Adrián C. (1ºESO) opina sobre a lectura da obra de Fina Casalderrey, Xela volveuse vampira


Antón (2ºESO) comparte a súa opinión sobre o cómic Subnormal de Fernando Llor e Miguel Porto, baseado na historia de Iñaki Zubizarreta. 

David R. achega o resumo e opinión sobre o libro de relatos escrito por Francisco Castro e Fina Casaldarrey, O neno can


Estev (1ºESO) dá a súa opinión sobre esta mesma obra e céntrase nun dos relatos que forman parte de O neno can. 


Diego (2ºESO) comparte a súa opinión sobre a obra de Andrea Maceiras, O que sei do silencio


Iago (1ºESO) resume Mortiña. O amigo pantasma de Barbara Cantini


Sergio V.  (1ºESO) comparte o resumo e achega a súa opinión sobre a obra de Marina Mayoral, Tristes armas


Nicolás (2ºESO) achega a súa opinión sobre a mesma obra da autora. 


Valeria (1ºESO) cóntanos a súa historia de Kusuma, obra escrita por Héctor Cajaraville

Estev (1º ESO) achega o seu resumo que amosa o pracer que lle supuxo ler a obra de Ledicia Costas, A balada dos unicornios


Sofía (1ºESO) comparte as impresións que lle produciu a lectura de Romaxe de desventuras, escrita por Pepe Carballude


Markus V. (1ºESO) achega o resumo da obra escrita por Miguel Ángel Alonso Diz e ilustrada por Luz María Beloso Rodríguez, A nena que non deixaban ser feliz.

 Marco (2ºESO) comparte a súa opinión sobre a lectura Mentira de Care Santos



mércores, 26 de outubro de 2022

CHEGOU O SAMAÍN


Chega o SAMAÍN e o grupo de biblioteca, o EDLG e, como non, o club de lectura estivemos aí para lembrar as nosas tradicións. Cabazas decoradas e contos para non esquecer o noso pasado. 

Neste audio tedes unha boa mostra. 

QUE NON SE VOS ESQUEZA NESTES DÍAS O DE....:  TRUCO, TRATO! 




ATA A PRÓXIMA!

xoves, 13 de outubro de 2022

LECTURAS E ANDANZAS II, comezan

Ola, aquí estamos de novo!!
Na reunión anterior do club comentamos as lecturas que iamos realizar este curso, opinamos sobre os títulos, portada e investigamos un pouquiño sobre a súa temática. O certo é que para A conta atrás  tivemos que ter axuda, porque cando nos falaron do ano 2002... ninguén de nós nacera. Aínda así, Carla, a nosa compañeira, lembrou que o seu pai lle falara dun petroleiro que provocara un desastre ecolóxico... soubemos o significado do lema, NUNCA MÁIS!!! e eliximos a lectura pola que comezar. Non foi dificil, xa que todos e todas estabamos agardando ler Heartstopper de Alice Oseman e falamos da súa temática, dos prexuízos, do respecto...  



Na xuntanza de hoxe comezamos a lectura de Heartstopper 1. Dos chicos juntos. Decidimos facela en voz alta e repartir papeis. Aquí vos deixamos con imaxe do club e cun "fragmento" da lectura, á que lle puxeron voz: Iago, Khady, Malak e Carla. 



Agora un momento da lectura en audio. 

domingo, 9 de outubro de 2022

RADIO LLAMA CO EDLG

Como sabedes, en "Radio Llama" dámos voz a todas as iniciativas que xorden no noso centro. Nesta ocasión realizamos un obradoiro para facer chapas co logo que Anum, a nosa compañeira, deseñou para o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. O equipo coordinador da radio deu testemuña deste feito, que foi dirixido por Uxía, encargada de ensinarlles aos/ás seus/súas compañeiras como se realizaban as chapas para que se animasen a facer os seus logos e darlles visibilidade. Agradecemos a presenza de Delia,  coordinadora do EDLG, pola súa iniciativa e a súa presenza. 

Antes de comezar o taller. 


Deixámosvos co vídeo e coa voz de Uxía para narrar os pasos que debemos facer para realizar as chapa que desexamos. 


Parabéns, Anum polo teu deseño!


Estas son as primeiras chapas, pero pronto teremos máis para repartir entre toda a comunidade educativa e levar preto do corazón a nosa lingua. 


martes, 27 de setembro de 2022

PRIMEIRA XUNTANZA DO CLUB "LECTURAS E ANDANZAS I"

 Ola!!! 

Hoxe comezamos a sesión coa lectura de dous contos que "esperamos e desexamos" poder  volver compartir cos/coas nenos e nenas dun colexio da nosa cidade. Sabemos que leva tempo porque é un público moi esixente, por iso puxémonos mans á obra. 

Que gocedes dos audios coma nós das historias e dos momentos!!! 


Sara lembrou o "seu conto" baseado no relato de Eduardo Galeano "Un mar de fueguitos".

E Jennifer F. púxolle voz á adaptación do conto de Anuska Ravishankar, Os elefantes nunca esquecen

Ata a próxima. 



martes, 20 de setembro de 2022

AS NOSAS LECTURAS IRRADIAN LUZ!

Ola a todos e a todas!

O 19 de setembro asistimos a unha actividade (grazas a que nos convidou a Fundación Breogán) que compartimos con moitos/as compañeiros/as do noso centro e doutros tres máis da localidade. Trátase dun proxecto que leva por nome LUZ Ó DEPORTE e que nos enganchou desde o comezo ao saber que coñeceriamos persoalmente a Iñaki Zubizarreta. Por se non vos lembrades, o cómic, Subnormal,  estivera con nós o curso pasado como podedes escoitar nesta sección

Dicirvos que foi unha experiencia dura, xa que escoitar na voz do protagonista todo o que padeceu sendo un neno de 11 anos, por culpa do acoso ao que se viu sometido, move os sentimentos.  Pero saimos reforzados nos nosos principios e berramos moi alto: 

BASTA XA!  TRÁTAME BEN!!!

Iñaki comezando: 

Nós agardando para facerlle as preguntas que nos xurdiran despois de escoitalo: 


Como era de esperar, pedímoslle que nos dedicara o cómic, Subnormal para a biblioteca do centro. 

E aquí vos deixamos coa súa dedicatoria: 



Recomendámosvos esta lectura e esiximos que nunca máis teñamos que dicir: BASTA XA! TRÁTAME BEN!  Iso quererá dicir que O RESPECTO É O QUE MOVE AS PERSOAS E O MUNDO, DUNHA VEZ POR TODAS!





xoves, 15 de setembro de 2022

AQUÍ ESTAMOS, UN CURSO MÁIS

 Ola a todos e a todas! 

Tal e como di o noso lema: " A felicidade non se pode mercar, pero o que ama a lectura vive a historia coma se fose súa e viaxa polo universo"

Por iso, convidamos no primeiro programa de Radio Llama, a radio do Muralla, a todos e todas os/as compañeiros/as para que se unan aos nosos clubs de lectura e a participar en todas as nosas andanzas. 

Xa vedes que non perdemos tempo, tivemos que volver  familiarizarnos co funcionamento da nosa radio, perder "a vergonza" a falar en público..., pero como nos une a amizade e o desexo de volver compartir, aquí estamos Daniel, Naiara, Uxía, Silvia, Pablo, Carla e Noa para dicirvos que ESTAMOS DE VOLTA E AGARDÁMOSVOS!


Nestes primeiros días de curso tivemos uns agasallos moi desexados e agardados, OS DIPLOMAS DE "BIBLIOTECARIOS/AS SOLIDARIOS/AS", que nos recoñecen parte do noso traballo realizado, porque foi moito máis o que traballamos. Estamos moi orgullosos/as deste recoñecemento. 
Aquí vedes os/as que chegamos pronto para a foto. 


Antes de deixarvos co audio de Radio Llama, lembrámosvos que no centro temos dous clubs de lectura, un dedicado á poesía, teatro e narrativa e outro a cómic. Ah, tamén fan falta voces para emitir os programas da nosa radio escolar, ANIMÁDEVOS!!! 


 

martes, 21 de xuño de 2022

PRESENTACIÓN DE ANDANZAS LITERARIAS NO VELLO CÁRCERE

Chegou o día da presentación do noso libro Andanzas Literarias  no Vello Cárcere de Lugo, e os/as lectoras e andantes puxémonos camiño a este lugar emblemático da nosa cidade para familiarizarnos co auditorio, preparar ordenador (se Marta e Tano estiveran neses momentos!!!!! Ese cable HDMI...), facer probas de son...

Pablo, Uxía, Sara, Jennifer e María foron os/as nosos/nosas representantes para conducir a presentación do noso libro. 


E todos e todas estamos orgullosos do ben que o fixeron!!! 

Logo de ter que reorganizarnos, porque algúns dos convidados non puideron asistir a este evento, comezamos a presentación acompañados/as de Guido Álvarez, o guia-amigo que nos fixo esquecer os nervios, respondeu as nosas preguntas e seguiu ilusionando a todas as persoas que asistiron ao acto, e a nós, coa súa forma de transmitir toda a arte urbana da nosa cidade e que a fai única. GRAZAS, GUIDO por compartir o teu tempo e demostrar que vives o teu "traballo" dende que te ergues!!!
 

Ao final da presentación, Pablo informou a todos/as os/as asistentes que os exemplares que realizamos foron distribuídos entre os centros educativos da cidade, que tamén se levará ás bibliotecas e se deixará nas librerías para informar de onde poden ler e gozar as nosas Andanzas Literarias. E, como non, agradeceu a todos/todas a súa presenza e, en especial a FRAN ALONSO, porque aínda que non estivera fisicamente, estaba CON NÓS E EN NÓS dende o comezo. Grazas, Fran!

Agora deixámosvos co vídeo desta xornada inesquecible para todos e todas nós. 


Nas redes, chíos que emocionan:



CONTINUAREMOS!