luns, 22 de xuño de 2026

ÚLITIMA LECTURA CLUB DE ADULTOS

Hoxe 22 de xuño tivo lugar a última reunión do club de adultos deste curso, a lectura escollida para esta ocasión foi El lector de Julio Verne de Almudena Grandes. 

Ademais da animada conversa ao redor desta obra, levouse a cabo un intercambio de libros para o verán; cada membro trouxo un da súa propiedade, recomendou a súa lectura e prestoullo a outra persoa durante o período estival. En setembro, ao retomar as sesións do club, intercambiarán impresións sobre o que lles pareceron. 

A tod@s desde aquí desexámoslles que desfruten moito da lectura e que pasen un bo verán. 




FINAL DE CURSO: ÚLTIMA LECTURA

Chegou o mes de xuño e con el a nosa última lectura: Atranco no banco de Manuel Núñez Singala. Quixemos repetir autor porque a súa obra O achado do castro gustounos e rimos  moito con ela; e esta segunda obra prometía tamén moita diversión.

E así foi, pasámolo moi ben con esta lectura, aínda que non nos deu tempo a acabala, o mes de xuño é un pouco loucura cos exames de final de curso.

Pero para o ano próximo retomarémola e de seguro escolleremos algunha obra de teatro máis xa que a lectura deste xénero literario fáisenos máis amena ao repartirmos os papeis dos personaxes. E se as obras son comedias coma esta, aínda máis.

Agora que chega o ansiado descanso, desde aquí queremos despedirnos ata o vindeiro curso e desexarvos moi boas vacacións de verán. Que as desfrutedes moito! e se podedes realizar algunha lectura que vos preste, mellor que mellor!




CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS

 Desde logo que o mes de maio foi moi intenso, ademais da lectura e dos traballos que fixemos sobre a figura de Begoña Caamaño, o noso centro quería celebrar o Día das Letras Galegas cunha festa cono se merece.

Logo de varios días de ensaio, tivo lugar a celebración no tempo de lecer do día 18 de maio (o venres anterior non puideramos facela porque chovía) na que gran parte do alumnado de 2º ESO tocou coa frauta  a peza "O son do ar" de Luar na lubre e logo a muiñeira de Lugo, neste caso acompañados da percusión, ao son desta última peza bailamos alumnado de 2º e 3º ESO e profesorado.

Desfrutamos moito tod@s xunt@s celebrando a festa con moita ilusión. Queremos agradecer ao departamento de Música así como ao EDLG o traballo para que a celebración fose un éxito






TABOLEIRO DAS LETRAS GALEGAS

Durante o mes de maio e, a medida que iamos coñecendo a vida e obra de Begoña Caamaño tal e como vos contamos na entrada anterior, o club de lectura xunto co EDLG e o departamento de Lingua Galega colaboramos na realización dun panel sobre a biografía e a obra literaria da gran figura á que lles dedicamos o Día das Letras Galegas este curso.

Logo de achegarnos á vida desta grandiosa muller, valoramos e agradecemos o seu compromiso e o seu traballo a prol da nosa lingua e a nosa cultura. 

Os traballos foron moi variados, aquí vos deixamos imaxes de como pouco a pouco fomos enchendo o Taboleiro da lingua con variedade de murais e ilustracións. 











LECTURA DE MAIO: OS FÍOS DE BEGOÑA

Xa chegando a recta final de curso, o mes de maio no noso club dedicámolo á lectura sobre a figura homenaxeada este ano: Begoña Caamaño.

Concretamente lemos unha biografía dela realizada por Eva Mejuto con ilustracións de Nuria Díaz titulada Os fíos de Begoña

É unha biografía breve, pero grazas a ela coñecemos onde naceu e transcorreu a infancia de Begoña Caamaño, tamén que estudos realizou e a que se dedicou profesionalmente. Asemade soubemos algo dos seus libros escritos en galego a través dos que demostra o amor pola nosa lingua e tamén o seu compromiso feminista. Tamén soubemos que esa palabra: "compromiso" define moi ben a figura desta muller tan destacada da nosa cultura. 

Sen dúbida, desfrutamos moito desta lectura, mentres aprendemos moito sobre Begoña Caamaño. Incluso houbo unha compañeira do club que se identificou moito con ela de nena e adolescente, sobre todo coas súas inquedanzas e a necesidade de estar sempre activa.