mércores, 6 de decembro de 2023

25N: Rachando cadeas

Como vos imos contando, os actos do 25N no noso centro alongáronse ata a semana pasada, así o xoves 30 de novembro tiveron lugar as últimas conmemoracións.

Na hora do lecer no vestíbulo do centro unha vintena de rapaces/as de todos os cursos da ESO  levaron a cabo un baile nunha actuación que denominaron "Rachando cadeas" aludindo con ela á necesidade de cambios e de novas perspectivas que nos axuden a ter unha sociedade máis igualitaria e pacífica. 

Deixámosvos aquí imaxes da actuación.








 



Parabéns ás artistas!!!! baile, música e reivindicación non están reñidos nin moito menos. Xa o vistes!


Logo desta actuación e para rematar estes actos do 25N as nosas compañeiras e compañeiros de 4º ESO: Carme, Naiara, David, Antía , Noa e Carla dramatizaron o texto híbrido "Que nena máis guapa!" da autora Jausab, gañador dun certame de relatos contra a violencia de xénero en 2018.

O texto denuncia os estereotipos de xénero que seguen vixentes na nosa sociedade e que debemos desterrar. Este simple e á vez impactante obra acaba proclamando a loita "por unha educación sen diferenzas, por unha educación REAL igualitaria".

A continuación tedes algunha imaxe desta representación:







Grazas a todas e a todos por participar e deixar claro que no noso centro non somos alleos a esta lacra que sufrimos como sociedade e que na educación danse pasos para poñela en evidencia e así comezar o camiño cara a súa eliminación.

Ben alto e claro manifestamos: Non á discriminación, non ao maltrato, non á violencia de xénero!


25N: manifesto

Como xa vos tiñamos anunciado en anteriores entradas  o noso compromiso coa loita contra a violencia machista foi máis alá do 25 de novembro. 

O día 27 de novembro  no tempo do lecer , nun acto presentado por Carla de 2º ESO e Rafa de 3º ESO, Alba, Amalia e Narges de 3º ESO, Aitana de 2º ESO e Ainoha e Carlota de 1º ESO leron o manifesto escrito por Celia de 1º BAC.

Seguidamente foi a propia Celia quen puxo voz ao poema titulado “Do non” escrito por ela mesma e Salma de 2º ESO ao seu texto “Estamos fartas”.

Aquí vos mostramos os textos e seguidamente as imaxes deste acto:


MANIFESTO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

 

A educación, a prevención e os medios de comunicación social son os instrumentos máis eficaces para concienciar na loita contra a violencia de xénero.

As mulleres que hoxe en día sufrimos escenas de machismo debemos renunciar, non nos podemos resignar; xa que é o noso reto e o de toda a sociedade.

O 25N é un día para conmemorar, un día para reflexionar e temos outros 364 por diante para loitar.

Actualmente existe gran rexeitamento da poboación á violencia física na parella, algo que debemos seguir facendo. Non obstante, hai outras accións cara á muller que son máis invisibles, pero hai que tomar medidas noutros casos como o dos micromachismos, linguaxe sexista, desprezo, chantaxe emocional…

Eu, como muller estou farta de ir pola rúa soa e ter que ir botando a mirada cara atrás por se vén alguén perseguíndome. O básico é poder ir tranquilas por calquera rúa.

Agora non é o momento de quedar caladas ou de facerse un oco, agora é momento de abrir a boca, de berrar tan alto como necesitemos para que todo o mundo nos escoite.

 

POEMA DO NON

 

Non á tristeza

non á dor

non á preguiza

non á usura

non á envexa

non á incultura

non á violencia

non á inxustiza

non á guerra

non ás medias laranzas.

 

Si á paz

Si á alegría

Si á amizade

Si á empatía

Si á solidariedade

Si ao amor propio

Si á tranquilidade

Si a renunciar

Si a valorar

Si a un amor sempre san.

 

 

Celia Rodríguez Fernández 1º BACH











Así, deixamos ben claro a nosa repulsa contra a violencia de xénero e que non imos permanecer calados.