mércores, 6 de decembro de 2023

25N: Rachando cadeas

Como vos imos contando, os actos do 25N no noso centro alongáronse ata a semana pasada, así o xoves 30 de novembro tiveron lugar as últimas conmemoracións.

Na hora do lecer no vestíbulo do centro unha vintena de rapaces/as de todos os cursos da ESO  levaron a cabo un baile nunha actuación que denominaron "Rachando cadeas" aludindo con ela á necesidade de cambios e de novas perspectivas que nos axuden a ter unha sociedade máis igualitaria e pacífica. 

Deixámosvos aquí imaxes da actuación.








 



Parabéns ás artistas!!!! baile, música e reivindicación non están reñidos nin moito menos. Xa o vistes!


Logo desta actuación e para rematar estes actos do 25N as nosas compañeiras e compañeiros de 4º ESO: Carme, Naiara, David, Antía , Noa e Carla dramatizaron o texto híbrido "Que nena máis guapa!" da autora Jausab, gañador dun certame de relatos contra a violencia de xénero en 2018.

O texto denuncia os estereotipos de xénero que seguen vixentes na nosa sociedade e que debemos desterrar. Este simple e á vez impactante obra acaba proclamando a loita "por unha educación sen diferenzas, por unha educación REAL igualitaria".

A continuación tedes algunha imaxe desta representación:







Grazas a todas e a todos por participar e deixar claro que no noso centro non somos alleos a esta lacra que sufrimos como sociedade e que na educación danse pasos para poñela en evidencia e así comezar o camiño cara a súa eliminación.

Ben alto e claro manifestamos: Non á discriminación, non ao maltrato, non á violencia de xénero!


25N: manifesto

Como xa vos tiñamos anunciado en anteriores entradas  o noso compromiso coa loita contra a violencia machista foi máis alá do 25 de novembro. 

O día 27 de novembro  no tempo do lecer , nun acto presentado por Carla de 2º ESO e Rafa de 3º ESO, Alba, Amalia e Narges de 3º ESO, Aitana de 2º ESO e Ainoha e Carlota de 1º ESO leron o manifesto escrito por Celia de 1º BAC.

Seguidamente foi a propia Celia quen puxo voz ao poema titulado “Do non” escrito por ela mesma e Salma de 2º ESO ao seu texto “Estamos fartas”.

Aquí vos mostramos os textos e seguidamente as imaxes deste acto:


MANIFESTO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

 

A educación, a prevención e os medios de comunicación social son os instrumentos máis eficaces para concienciar na loita contra a violencia de xénero.

As mulleres que hoxe en día sufrimos escenas de machismo debemos renunciar, non nos podemos resignar; xa que é o noso reto e o de toda a sociedade.

O 25N é un día para conmemorar, un día para reflexionar e temos outros 364 por diante para loitar.

Actualmente existe gran rexeitamento da poboación á violencia física na parella, algo que debemos seguir facendo. Non obstante, hai outras accións cara á muller que son máis invisibles, pero hai que tomar medidas noutros casos como o dos micromachismos, linguaxe sexista, desprezo, chantaxe emocional…

Eu, como muller estou farta de ir pola rúa soa e ter que ir botando a mirada cara atrás por se vén alguén perseguíndome. O básico é poder ir tranquilas por calquera rúa.

Agora non é o momento de quedar caladas ou de facerse un oco, agora é momento de abrir a boca, de berrar tan alto como necesitemos para que todo o mundo nos escoite.

 

POEMA DO NON

 

Non á tristeza

non á dor

non á preguiza

non á usura

non á envexa

non á incultura

non á violencia

non á inxustiza

non á guerra

non ás medias laranzas.

 

Si á paz

Si á alegría

Si á amizade

Si á empatía

Si á solidariedade

Si ao amor propio

Si á tranquilidade

Si a renunciar

Si a valorar

Si a un amor sempre san.

 

 

Celia Rodríguez Fernández 1º BACH











Así, deixamos ben claro a nosa repulsa contra a violencia de xénero e que non imos permanecer calados. 


 

domingo, 26 de novembro de 2023

TABOLEIROS: 25N , CON QUERER NON BASTA

Esta semana como vos diciamos foi moi intensa e houbo moitas colaboracións para conmemorar o 25N deste ano ademais da retrasmisión en Radio LLama de cancións e poemas alusivos a esta data. 

Na cortiza grande colocáronse diferentes traballos deste ano e de anteriores nos que se fai unha reivindicación en contra da violencia de xénero en varios idiomas, carteis con ilustracións referentes a este tema, creacións literarias reivindicativas e recollida de información sobre o porque da data escollida para esta conmemoración. Aquí vedes os resultados.


Taboleiro conmemorativo 25N


Detalles do taboleiro


Ilustración: Vivas e libres


O alumnado de 3º ESO PDC  estivo reflexionando sobre o daniño que pode ser o recoñecemento social do amor romántico que conleva  a consideración da muller como "sufridora" que debe de soportar todo  sufrimento en nome do amor. Canto dano pode isto facer! Logo da reflexión, fixeron uns paneis en cartolinas sobre os mitos do amor romántico, quixeron poñelas en vermello para simbolizar o perigo que entrañan estes mitos. 

Alumnado 3º PDC facendo os seus paneis


Alumnado 3º PDC facendo os seus paneis

 
Alumnado 3º PDC facendo os seus paneis

Logo que os tiveron rematados fixeron as letras do lema elixido "CON QUERER NON BASTA":

Lema escollido para este traballo


Preparando as letras para colocalas


Unha vez preparado o lema colocouse no taboleiro do EDLG e seguidamente as cartolinas vermellas deseñadas e elaboradas por elas e eles.  

A súa parte xa estaba rematada. 

Colocando os paneis

Foto de grupo unha vez rematada a súa parte


Mentres isto ocorría as compañeiras e compañeiros de 1º FP BÁSICA PEIEST estaban tamén creando os seus propios paneis, neste caso sobre as situacións en que as relacións sentimentais son sas, baseadas no respecto e na igualdade e na que o sufrimento non sexa o pan de cada día, como por desgraza pasa en moitas ocasións. Como son postulados positivos decidiron poñelos en cartolinas verdes ao carón dos vermellos. 


Alumando de 1º PEIEST colocando os seus paneis








Foto de grupo unha vez rematado o mural


A semana do 25N rematou pero a vindeira semana aínda nos esperan algúns actos conmemorativos máis que vos iremos contando. 
Ata pronto!


mércores, 22 de novembro de 2023

SEMANA DO 25 N

Ola de novo!

Xa se acerca o 25 N e, aínda que sabemos que o temos que facer durante todo o ano, nestas datas queremos denunciar a violencia de xénero e usar a nosa voz para reclamar un mundo mellor. Xa nos puxemos a semana pasada mans á obra.

En Radio LLama estiveron preparando as presentacións dunhas cancións en lingua galega nas que se aborda este tema, voces tan coñecidas como Sés, As fillas de Casandra, A banda da loba... están soando durante o tempo de lecer toda esta semana. 

Ademais das cancións tamén se están emitindo os poemas que lemos no club de lectura e gravamos para esta ocasión. Alumnos e alumnas como Moraima, Malena, Aitana, Malak, Yago de 2º ESO, Zaira, Sheila, Alba, Ariadna, Yanira e Maryam de 3º ESO ou  Yasmín de 4º ESO quixeron deixar plasmados os versos dos libros  Penúltimas tendencias e Masculino singular de Carlos Negro; Manifesto 25N de varias autoras e Escritos feministas de Rosalía de Castro.

Que mellor que a poesía para facer a nosa reivindicación contra este tipo de violencia. Aquí vos deixamos os audios que están sendo emitidos en Radio Llama; escoitádeos e veredes como temos aínda moito camiño por diante....




Ademais, mentres algúns lían outros membros do club facían carteis en diferentes linguas para denunciar e pedir a eliminación da violencia de xénero. 

Narges e Alba (3º ESO B) confeccionando un cartel 


Estes días seguiremos ensinándonos todo o que estamos a facer. 

sábado, 4 de novembro de 2023

SAMAIN NA BIBLIOTECA



Á nosa biblioteca tamén chegou o Samaín e o grupo de axudantes púsose mans á obra para decorala e ambeinentala acorde con estas datas. Aquí tedes algún exemplo desta decoración:

Entrada da biblioteca


Andeis con textos alusivos ao Samaín

Na entrada tamén se puxeron recomendacións de lecturas relacionadas co medo e o misterio. Agora que chegou a chuvia e a friaxe, que mellor plan que cubrirse cunha mantiña na casa e deixarse engaiolar por unha desas terroríficas lecturas?



Lecturas recomendadas

E un ano máis non podiamos quedar sen o concurso de relatos"A cabaza falangueira"  relacionados coa temática do Samaín. Ía dirixido ao alumado de 3º e 4º ESO e aquí vos mostramos os gañadores. 

Gañadores dos relatos "A cabaza falangueira"


Entrega de premios "A cabaza falangueira"


Parabéns para @s premiad@s e tamén para todas as persoas participantes polo seu labor e a súa creatividade!

FESTA ENFEITIZADA

 Un ano máis chegou a época do medo e o noso centro foi posuída polo espírito do Samaín. 

Aínda que cada vez parece ter  máis influencia de culturas estranxeiras, o Samaín ten as súas raíces na nosa cultura e non está de máis lembralo.

No centro houbo diversas actividades para festexar esta data tan "terrorífica"

Ademais de concursos temáticos na biblioteca e magosto no patio, houbo concurso de coreografías relacionadas co Samaín. Foi no salón de actos e xusto na entrada había un "photocall" onde a rapazada puido facer as súas fotos, aquí podedes ver o alumnado de 3º PDC entre reixas: 

Photocall Samaín (3º PDC)


No salón de actos o alumnnado de 2º ESO asistiu á proxección da película Beetlejuice.

Momento da proxección do filme Beetlejuice

Logo da sesión de cine chegou o momento do concurso de coreografías do Samaín, os grupos participantes pertencían a 2º ESO e exhibiron nel os seus dotes para o baile. Aquí tedes algúns dos momentos das actuacións









Durante as actuacións o xurado composto polas compañeiras e compañeiros de 3º ESO PDC estiveron moi atentos e facendo anotacións, logo reuníronse para deliberar e dar o premio. 




E para rematar foi entregado o premio aos gañadores,  a coreografía triunfante foi a de 2º ESO B. Parabéns ao grupo gañador! E parabéns a todos os grupos participantes polo seu gran labor e a súa unión á hora de traballar as coreos!
Momento da entrega de premios













luns, 30 de outubro de 2023

"DESATA A LINGUA" CON ANA CARREIRA

O pasado 20 de outubro estivo con nós a actriz e escritora  Ana Carreira. Non é a primeira vez que nos visita. Unha vez máis veu para axudarnos a facer as nosas propias creacións. 

Nun obradoiro levado a cabo na biblioteca e no que participaron unha parte dos membros do club de lectura a condutora animounos a elaborar mensaxes reivindicativas sobre a nosa lingua, estes logo formarán parte do manifesto colectivo  do Correlingua deste curso, que irá sendo creado por rapazada de diferentes centros. 

Comezou léndonos o manifesto do curso pasado para facer boca e irnos dando ideas, logo acercounos ata un recuncho onde estaban dúas mesas: sobre unha estaban frases inspiradoras e sobre outra, imaxes relacionadas coa nosa lingua e cultura. Por grupos fixemos escolla de varias frases e imaxes e logo creamos os nosos propios murais reivindicativos en cartolinas coas imaxes e as nosas creacións . 

Foi un pracer compartir esta sesión con Ana Carreira, aínda que 50 minutos nos soubo a pouco, agardamos que poida volver en novas edicións do Correlingua (ou noutras ocasións) e seguir creando en galego.


















Moitas grazas, Ana! Seguiremos escribindo e reivindicando a nosa lingua!

AQUÍ DE NOVO!

 

Un ano máis imos reunirnos ao redor da lectura. 


Este ano comezamos un pouco máis tarde pero igualmente con ganas de xuntarnos e compartir novas experiencias e actividades relacionadas co mundo dos libros, da cultura e coa nosa capacidade de reflexionar sobre lecturas e sobre o mundo que nos rodea moitas veces espazo e contexto deses libros que lemos. 
Comezamos coa lectura de Voraces sombras dun dos grandes autores da nosa literatura, Agustín Fernández Paz. A súa prosa estanos engaiolando. 



"Máis libros, máis libres", non podemos estar máis de acordo con esta frase do profesor Tierno Galván. Está claro que nós queremos ser máis libres. 

luns, 19 de xuño de 2023

PRESENTACIÓN PISADAS LITERARIAS


O día 19 de xuño ás 18:30h no Vello Cárcere de Lugo os compoñentes dos clubs de lectura realizamos a presentación do libro Pisadas Literarias,  que seguía tendo como referencia a arte que embelece, aínda máis,  a nosa cidade e viña continuar o proxecto comezado o curso pasado coa publicación de Andanzas Literarias

Todo estaba preparado para poder transmitirlle ao público todo o que vivimos e compartimos nese tempo que nos ocupou este proxecto e que nos amosou, unha vez máis, que a unión de todos e todas, o traballo compartido, a ilusión, as ganas de coñecer, de saber, de investigar, de crear é o que nos move a todos e todas os que participamos nos clubs de lectura do noso centro. E para iso había que buscar "valentes" para estar na mesa da presentación. Non houbo problema, Pablo, Naiara e Jennifer aceptaron e convertéronse na voz de todos e todas. 

Dende as 17:30h estiveron preparando todo e solucionado problemas técnicos de última hora...



Como imaxinades nesta presentación non podiamos estar só os autores e autoras de Pisadas Literarias, xa que este proxecto contou coa colaboración desinteresada de persoas que nos foron abrindo camiño á hora de informarnos, aclarar dúbidas e axudaron a que o noso soño se fixese realidade. Convidamos ao "noso guía e amigo" GUIDOque non dubidou en volver acompañarnos nesta andanza e deleitou ao público coa súa intervención, na que transmitiu esa enerxía que todas as persoas que aman o seu traballo contaxian.  Moitas grazas, Guido por estar sempre aí, por querer tanto a túa cidade, o teu traballo, por axudarnos unha vez máis




e por dedicarnos o teu tempo e valorar o noso traballo. 


Nesta andanza  contamos tamén cunha persoa que nos abriu camiño, o "noso amigo" e artista Iago Eireos. Non puido asistir á presentación por motivos laborais, pero estivo con nós dende o comezo ata o final. Jennifer encargouse de ler o prólogo que escribiu para Pisadas Literarias, no que reflicte a sensibilidade e creatividade que caracteriza a un artista coma el. Moitas grazas, Iago por todo o que nos axudaches, que foi moito. Cumprimos moitos soños contigo

E agora toca lembrar a Pablo, Naiara e Jennifer que se encargaron de compartir a esencia deste proxecto. Pablo e Naiara comentaron como este libro ía tendo corpo: recompilación de fotos, contextualización das citas, achegamento á obra do autor ou autora e composición literaria propia. Jennifer encargouse de explicar como fora a maquetaxe que realizara cos seus compañeiros e compañeiras de TICs. Un traballo duro e que levou moito tempo, xa que non todo parece tan fácil..., pero o resultado obtido foi o mellor agasallo para todos e todas. Tamén comentou a portada, deseñada por María Penín, que recolle a esencia do traballo e dá pé ao título desta obra. Na sola do zapato van moitas das citas que pisamos e conforman estas pisadas que hoxe compartimos. 


Pablo foi rematando o acto e lembrando a contraportada do libro que recolle a cita literaria creada por todos e todas: 


E así  rematamos: ALEGRES PORQUE A LECTURA E A CREACIÓN NOS SEGUE UNINDO! 

E como somos así, queremos compartir o vídeo da presentación para que poidades gozar o que nós vivimos en directo. 

GRAZAS A TODAS AS PERSOAS QUE PARTICIPARON NESTA ANDANZA E AXUDARON A QUE TIVESE UN FINAL FELIZ!