martes, 28 de maio de 2019

ÚLTIMA SESIÓN DE EMIGRANTES, SHAUN TAN

Chegou o día de finalizar a lectura que nos sorprendeu dende un comezo, xa que eramos nós @s que tiñamos que ir construíndo a "nosa" historia, baseándonos nas imaxes coas que Shaun Tan relatara a súa.
  
 
Así foi como rematamos o que para nós supuxo un grande reto e atrevemento.


Cremos que a nosa resposta está clara, non si?

Recomendámosvos esta lectura para que sexades vós @s que poñades as palabras á historia de Shaun Tan.
FIN

martes, 21 de maio de 2019

FIN DA ACTIVIDADE DO DÍA DO LIBRO

Ola a tod@s!

Hoxe -cremos pensar- estariades agardando a terceira sesión de Emigrantes de Shan Tan; pero vai ser que non, xa que tivemos que dedicarlle o tempo a rematar o traballo comezado o día 23 de abril. 

A actividade do Día do Libro ten unha última parte "moi intensa": A ILUSTRACIÓN baseada no texto que compuxemos coas palabras elixidas da lectura. 

Xa vos comentamos que era a primeira vez que participabamos nesta actividade, e tivemos a grande sorte de atoparnos no camiño coa "xenial" idea que Candela González Alves (argalleira das letras e AGORA membro de honra de "LECTURAS E ANDANZAS") compartiu con nós para axudarnos nesta nosa primeira aventura. Como ela dixo: " quen vai recoñecer un telegrama nestes tempos? Actualizádeo e facede unha icona de WhatsApp!". Cando Chelo nolo comentou, tod@s estivemos de acordo. Grazas, Candela! 

Comezamos a sesión do club e decidimos o destinatario ao que enviariamos o noso cablegrama (grazas Marta por lembrárnolo);  aceptamos a idea de Brais cando nos comentou que deberiamos poñer os símbolos de recibido e lido - idea que xa nos aconsellara Candela-, e así continuamos participando tod@s na actividade. 

Rematado o traballo colocamos na entrada do instituto o cablegrama e as palabras elixidas para compartir esta experiencia con tod@s. "Intentamos" facer unha foto de todo o club de lectura, pero non o conseguimos, porque ou estaban no médico ou facendo exames ou lavando os pinceis ou colocando todo... Como Chelo xa empezaba a "encenderse", houbo que facer a foto, XA!  

Ilustración e palabras na entrada do instituto. 
Ainhoa, Candela, Noemí, Jennifer, Sara, Lucía. Noa ( que non aparece) e moitas máis. Grazas polos recreos compartidos.

Andandarán @s outr@s?


Aquí estamos outr@s compañeir@s.


Agora podedes ver os pasos que reflicten o tempo que nos levou rematar a actividade do DÍA DO LIBRO.  Ah, que saibades que estamos dispost@s a repetila!  




NON QUEREMOS DESPEDIR ESTA ACTIVIDADE SEN COMPARTIR CON VÓS ESTA INFORMACIÓN:  O DÍA 20 DE XUÑO TEMOS "QUEDADA" C@S ARGALLEIR@S DAS LETRAS EN LUGO!!!! , pero iso será outra historia. 


xoves, 16 de maio de 2019

DÍA DAS LETRAS GALEGAS


A través destes xogos de "pasapalabra" intentaremos achegarnos á figura de ANTONIO FRAGUAS, autor homenaxeado co Día das Letras Galegas.

Atrevédesvos a poñer a proba os vosos coñecementos?


XOGANDO APRENDEMOS
Cada imaxe leva a un xogo distinto

Primeiro pasapalabra
Segundo pasapalabra

Instrucións:
- O xogo consiste en acertar as vinte e tres palabras, cada unha das cales se corresponde cunha letra do rosco para a que se ofrece unha definición relativa ao autor homenaxeado (Antonio Fraguas).
- Ao escribir as palabras téñense en conta os acentos gráficos, pero non se distingue entre maiúsculas e minúsculas.
- Para iniciar o xogo facer clic na bandeira verde. Se se desexa finalizar o xogo pulsar a icona vermella en forma de stop.
- Os acertos reflectiranse nas letras mediante a cor verde, mentres que os erros mostraranse en cor vermella. As cuestións non respondidas mostraranse en cor branca.
- Se non sabes unha definición, podes pasar á seguinte pulsando Enter ou facendo clic na icona azul (tick).
- Se completas o rosco pero quedan letras en branco, repetirá a rolda coas que nos faltan por contestar.
- Para completar o rosco non se dispón dun tempo determinado.
- Finaliza o xogo cando contestes a todas as preguntas.


Agradecémoslle a Marta ( " Santa Marta") o seu traballo para que tod@s puideramos xogar e aprender deste xeito tan ameno. Para nós sempre serás: " UNHA MESTRA BOA, UNHA BOA MESTRA". 

martes, 14 de maio de 2019

SEGUNDA SESIÓN DE EMIGRANTES, SHAUN TAN

Ola a tod@s!

Aquí volvemos para seguir compartindo con vós as sesións do club de lectura. 
O martes pasado comezamos unha andanza  "demasiado arriscada, perigosa e difícil". Nós xa avisamos, pero "non nos fixeron moito caso" e só nos animaron a seguir, xa que -seica- imos por moi bo camiño. Hoxe pedímoslle a Chelo que non nos puxera metas tan difíciles, pero ela contestounos que podiamos con iso e con moito máis. O certo é que entre tod@s imos construíndo a " nosa historia" de Emigrantes seguindo as imaxes de Shan Tan, tal e como imos pasando as páxinas por primeira vez.

Comezamos esta sesión do mesmo xeito que a anterior: compartindo o deseño do cablegrama do Día do Libro e a lectura de Emigrantes. Xa vedes que podemos con todo!!!

Preparándonos para a lectura 
Continuando coa ilustración


Lemos e ilustramos  

Ata que chegou o timbre do recreo que nos volveu á realidade.

Aquí podedes escoitar a historia que creamos dos capítulos 3, 4 e  5 de Emigrantes, Shan Tan. 



E case coa ilustración do cablegrama finalizada, pero esa é outra andanza da que teredes información.


Trinta minutos dan para moito, non si? Pois ata deron para pedirlle a Chelo que organizase unha xuntanza c@s nos@s amig@s e Argalleir@s das letras. Prometeunos que o intentaría!


martes, 7 de maio de 2019

COMEZAMOS A LER, EMIGRANTES DE SHAUN TAN

Nesta nova xuntanza do club de lectura aínda estaba - e está-  moi presente a saída do Día do libro, porque é moito o traballo que aínda nos queda por facer!!! Pero isto non nos impediu reunirnos para retomar as lecturas e as aventuras que estamos vivindo tod@s xunt@s ao longo do curso. Como nos sentimos capacitad@s para facer dúas cousas á vez, decidimos compartir traballos e lecturas: mentres as nosas compañeiras comezaban a poñerlle palabras á historia de Shan Tan, Emigrantes, outr@s escoitabámolas e seguiamos co cablegrama...

Aquí nos vedes preparando lectura e mesa de traballo!


Cadaquén responsabilizouse do seu labor e comezamos esta nova sesión.

Que ben se traballa escoitando un fermoso relato!
E que difícil é imaxinar e crear unha historia baseándonos nas imaxes que imos descubrindo no momento, sabendo que está esa "gravadora" aí!


Atrevémonos e puxémoslles texto aos dous primeiros capítulos. 
  





mércores, 1 de maio de 2019

DÍA DO LIBRO I

Este ano non nos importou acurtar as vacacións de Semana Santa, porque nos podía máis a ilusión de comezar a nosa primeira aventura e andanza compartindo a actividade que, @s  nos@s compañeir@s -e agora ademais AMIG@S-, @s argalleir@s das letras veñen realizando dende hai moitos anos para celebrar o DÍA DO LIBRO, e demostrar o poder que ten a lectura.


Cando subimos ao autobús en Lugo para reunirnos cos Argalleir@s das Pontes e iniciar esta andanza, recoñecemos que nos sentiamos un pouco insegur@s e nervios@s, xa que el@s levábannos moita vantaxe nesta actividade e nós non tiñamos moita confianza como para pedirlles "axuda". O certo é que só fixo falta chegar a León e comezar a coñecer esta cidade para ir "socializando". Pouco a pouco iniciamos unha relación de compañeirismo que culminaría nunha AMIZADE sincera e, agardamos, duradeira.


Tiñamos pensado realizar a lectura continuada de Enderezo descoñecido, Kressmann Taylor na Plaza del Grano, pero a climatoloxía fíxolles pensar ás profes que non era moi recomendable para a nosa saúde, xa que corriamos o risco de quedar conxelad@s.


Decidiron solicitar unha sala de reunións no hotel no que nos hospedabamos, e así foi como comezamos o día 23 de abril.
Sentamos e escoitamos atentamente as recomendacións das profes, lembrándonos a orde de lectura, a lingua na que leriamos ( a quen se lle ocorrería a xenial idea de ler a obra en galego, castelán, inglés e francés???), a elección da palabra, escribila nos dous lenzos para finalizar a actividade que, este ano, nos sorprendería a tod@s?


Comezamos a lectura, e de catro en catro iamos subindo ao escenario para ocupar os nosos lugares diante das gravadoras e do micro. O inicio foi un pouco caótico, xa que nos resultaba difícil seguir a lectura nas catro linguas, aínda que tiñamos exemplares para facelo. Como era imprescindible asimilar a mensaxe da obra, decidimos que, unha vez rematada a lectura entre tod@s, se relese só nunha lingua. ASÍ O FIXEMOS. Imaxinades o tempo que nos levou?


Tiñamos moitísima fame, pero sabiamos que aínda faltaba o traballo máis duro: compoñer o poema. Pero saltou a SORPRESA! As profes decidiran seguir o estilo do libro e compoñer, este ano, UN CABLEGRAMA coas palabras elixidas. Tod@s comezamos a mirarnos, a preguntar: un que? Que é iso? Logo das explicacións - que pouc@s ou ninguén entendeu- deixáronnos tempo libre para comer e traer a tarefa feita: elaborar por grupos ( gran idea, porque aínda nos unimos máis) o cablegrama. Que sobremesa vivimos!!!!!

Ás catro e media volvemos retomar o traballo. Facer fixemos o que puidemos e compartimos c@s nos@s compañeir@s os textos escritos. MEU DEUS! Cando falaron as profes, démonos conta de que non entenderamos o que era un cablegrama, e que  "san google" non sempre axuda. Pero ao ver que Ana, Elena e Chelo estaban orgullosas do noso esforzo, retomamos forzas para finalizar esta andanza e argallada como se merece.


Mirade que contentiñ@s estabamos lendo OS TEXTOS QUE REDACTARAMOS:



Aquí vai un exemplo de texto - a modo de CABLEGRAMA- que escribimos empregando "todas as palabras elixidas", e do que estamos orgullos@s porque conta o que significou esta actividade para nós: 

A NOSA HISTORIA
Eses MOZOS que comenzaron a súa HISTORIA sen moitos AMIGOS, sen moito ÉXITO, de dúas VILAS diferentes, pero coas mesmas LINGUAS. Todos coas súas VIDAS, coas súas FAMILIAS FELICES. Tivemos MENSAXES negativas e prexuízos sobre as outras PERSOAS aínda que foran DESCOÑECIDAS e ESQUECÉRONSE de que os prexuízos pesaban QUILOS no seu CORAZÓN e que as súas PALABRAS non tiñan PREZO. EU MESMO dinme de conta de que cada vez nos pareciamos máis aos XUDEUS na época do NAZISMO sen nengún tipo de CENSURA. E a DESESPERACIÓN por coñecerse fixo que todos as PEZAS encaixaran e deixaramos a CRUELDADE de lado. E esta é a nosa historia, a que explica como pasamos do ARREDISMO ao AGRADABLE e LIBERAL sabor do compañeirismo, e de como puxemos as CARTAS sobre a mesa. Durante demasiado tempo fomos IMPRUDENTES, pero grazas a DEUS, INOPINADAMENTE comezamos AXIÑA a SENTIRNOS verdadeiros AMIGOS. Os sentimentos PODEROSOS e a sensación de LIBERDADE fixeron que estas PERSOAS esquecesen os MESES de EXPOSICIÓN ao SUFRIMENTO polo ben da nosa SAÚDE, e foron FORNECENDO a nosa SENSIBILIDADE e a nosa disposición e soubemos o CONMOVEDORA que era a RIQUEZA da amizade e da ACCION LÍDER dos nosos actos. Cunha FULMINABLE mirada que condicionaba a nosa EXISTENCIA con esta MISTERIOSA XENTE que estaba tan CONTENTA e era tan GRANDE que terminaron XUNTAS. Ao final fuximos da MISERIA.
Noa, Aroa B., Aroa Bl.,  Candela, Paula, Alba T. e Nerea 

Lidos todos os textos, decidimos continuar o noso labor conxuntamente para conseguir o noso obxectivo: redactar o cablegrama coas palabras elixidas. Cremos que o conseguimos. Que opinades? 

Aquí podedes escoitalo na voz de Aroa, en representación de tod@s.



Agora deixámosvos cun vídeo que lembrará paso a paso este día.



Claro, pensaredes que todo rematou. POIS NON!  Agora toca a parte final. Ilustrar o cablegrama no lenzo que temos para ese fin. Que debuxaremos? Como sairá???? Pronto teredes noticias, non o dubidedes.

Seguro que con todo este traballo, algún club de lectura quere unirse a nós para o seguinte curso. AQUÍ ESTAREMOS ESPERÁNDOVOS.



DÍA DO LIBRO, LEÓN 2019

Argalleir@s das letras e Lectura e andanzas recoméndanvos LER para poder gozar, compartir e argallar andanzas.


Ata a próxima!