domingo, 12 de maio de 2024

VIVIMOS O ENTROIDO CON XOSÉ MANUEL SEIXAS

 

O mércores 7 de febreiro tivemos a gran honra de ter con nós ao artesán Xosé Manuel Seixas. Veu darnos unha charla sobre as mascaras do entroido. Contounos como logo  de investigar sobre esta festa tan galega procurando información de primeira man dos artesáns dos  diferentes lugares, realiza as súas propias máscaras con moi diferentes materias: coiro, madeira, cartón, la, papel, metal...

Cada ano forma parte do Entroido de Santiago de Arriba en Chantada vestindo traxes cerimoniais como o Meco, o Volante, o Maragoto e, ademais, ten vestido outros traxes como o do Felo en Maceda.

Xosé Manuel tamén nos falou do proceso de elaboración de máscaras de Entroidos fóra de Galicia como o de Sardeña, en Italia.

Ademais da charla, deixounos unha exposición coa que puidemos apreciar todo o centro durante uns días o laborioso traballo e o bo facer das súas mans creando máscaras do máis diversas e coloridas. 

Grazas Xosé Manuel polo teu traballo e pola transmisión aos demais deste labor tan atractivo e á vez tan enraizado na nosa cultura. Que non se perdan as nosas tradicións! 


Charla de Xosé Manuel Seixas

Exposición de maścaras feitas por este artesán



sábado, 4 de maio de 2024

REIVINDICANDO NO DÍA DA PAZ

 Ola de novo!

Está claro que a necesidade de vivir en paz sempre habita en nós, pero nestes tempos tan convulsos parece aínda máis urxente poñer todos os nosos folgos en reivindicar que se acaben as guerras e todas as poboacións poidan desfrutar da vida sen que teñan a diario que convivir coa morte, a miseria, o terror, a desesperación.

Desde o noso centro quixemos facernos eco de toda esta pulsión e manifestar alzar a nosa voz fronte á barbarie na semana anterior ao30 de xaneiro, Día da Paz.

O alumnado de 3º PDC, colaborador de Radio Llama, quixo aproveitar a súa sesión semanal de lectura de prensa para recortar aquelas noticias relacionadas cos confitos bélicos que asolan hoxe en día o noso planeta e facer con eles un mural reivindacativo en contra de toda guerra.

Usaron como lemas: 

"FAI O AMOR E NON A GUERRA" que foi usado por primeira vez en 1968 por activistas en contra da guerra de Vietnam e que, desde aquela, foi tido como emblema noutras manifestacións reivindicando o pacifismo e o antimilitarismo.


"NON HAI CAMIÑO PARA A PAZ, A PAZ É O CAMIÑO", palabras do activista a favor da paz quizais máis recoñecido a nivel mundial e proposto en 5 ocasións para o Premio Nobel da Paz: Mahatma Gandhi.


Acompañando este mural, crearon un texto no que se explica a orixe da celebración como Día da Paz o 30 de xaneiro e outro no que se recolle a biografía do xa nomeado Mahatma Gandhi.



E ademais fixeron haikus sobre nos que plasmaban a súa visión subxectiva da paz. 


Por outra banda, a cortiza de Normalización Lingüística foise enchendo de pombas brancas, símbolo da paz, nas que o alumnado de diferentes cursos da ESO e de FP Básica foron poñendo frases ou versos a favor da paz,

Alumnado de FP Básica, logo de poñer as súas pombas no taboleiro

Queremos recoller aquí tamén a iniciativa levada a cabo polos biblioaxundantes. fixeron unha pancarta contra a guerra en Palestina e o 30 de xaneiro saíron manifestarse con ela diante do noso centro. 







venres, 3 de maio de 2024

"AQUÍ TAMÉN SE FALA" NA PRENSA

Alumnado de todo o centro continúa pegando carteis da campaña AQUÍ TAMÉN SE FALA  e cada día vai collendo maior pulo ao longo de toda Galicia e tamén, como non, no noso barrio. 
A nosa pequena pinga nesta marea que supón este gran labor de difusión da nosa lingua comeza a ter a súa repercusión tamén na prensa.
Desde o Club de lectura apoiamos e participamos esta importante iniciativa

Noticia en sección local de La Voz de Galicia, 29/01/2024


RADIO LLAMA: ENTREVISTAS LUCUS INTERCENTROS

 Como xa vos dixemos na entrada anterior, as nosas compañeiras Laura, Sara e Iria de 1º BAC proclamáronse flamantes gañadoras da 11ª edición do concurso Lucus Intercentros celebrado e organizado no noso instituto.

No tempo de lecer do xoves 25 e venres 26 de xaneiro puidemos escoitar nos corredores as seguintes entevistas que agora podes desfrutar desde o noso blog. 

A primeira entrevista realizouna o noso compañeiro Rafa (3º ESO) ás alumnas gañadoras na que nos comparten as súas impresións previas á súa participación.


Unha vez que soubemos que o noso centro se proclamara gañador o equipo de Radio Llama non quixo perder a oportunidade de recoller de primeira man as impresións das gañadoras: Laura, Sara e Iria e, de paso, saber o grao de satisfacción do alumnado organizador do evento. 
Neste audio o equipo fai unha introdución sobre o Lucus Intercentros, seguidamente escoitaremos  unha entrevista mutua entre as alumnas de 1º BAC gañadoras do certame e un alumno do Ciclo de Asistencia a Dirección da familia de Administración e xestión.

Escoitádea porque é emocionante escoitalas!

E moitas grazas aos protagonistas por prestarse a este xogo da entrevista mutua (estamos creando un novo xénero xornalístico!!!)


LENDO PRENSA. GAÑADORAS DE NOSO NO LUCUS INTERCENTROS

No noso club de lectura tamén lemos prensa e, sobre todo, cando hai algunha noticia relacionada co noso centro. 

Así que o martes 23 de xaneiro tivemos un oco para ler a noticia que poñía o foco nas gañadoras deste ano do concurso Lucus Intercentros que organizou o alumnado do grao de FP de Asitencia a Dirección na que xa é a súa undécima edición. 

Se isto xa é un motivo de satisfacción para nós, aínda axuda máis que fose este curso, por segundo ano consecutivo, gañador o equipo do noso centro formado por tres compañeiras de 1º BAC:  Laura, Iria e Sara que se proclamaron gañadoras entre os equipos de sete institutos de Lugo participantes.

Moitos parabéns! Sentímonos moi orgullosos e orgullosas de vós!