luns, 30 de outubro de 2023

"DESATA A LINGUA" CON ANA CARREIRA

O pasado 20 de outubro estivo con nós a actriz e escritora  Ana Carreira. Non é a primeira vez que nos visita. Unha vez máis veu para axudarnos a facer as nosas propias creacións. 

Nun obradoiro levado a cabo na biblioteca e no que participaron unha parte dos membros do club de lectura a condutora animounos a elaborar mensaxes reivindicativas sobre a nosa lingua, estes logo formarán parte do manifesto colectivo  do Correlingua deste curso, que irá sendo creado por rapazada de diferentes centros. 

Comezou léndonos o manifesto do curso pasado para facer boca e irnos dando ideas, logo acercounos ata un recuncho onde estaban dúas mesas: sobre unha estaban frases inspiradoras e sobre outra, imaxes relacionadas coa nosa lingua e cultura. Por grupos fixemos escolla de varias frases e imaxes e logo creamos os nosos propios murais reivindicativos en cartolinas coas imaxes e as nosas creacións . 

Foi un pracer compartir esta sesión con Ana Carreira, aínda que 50 minutos nos soubo a pouco, agardamos que poida volver en novas edicións do Correlingua (ou noutras ocasións) e seguir creando en galego.


















Moitas grazas, Ana! Seguiremos escribindo e reivindicando a nosa lingua!

AQUÍ DE NOVO!

 

Un ano máis imos reunirnos ao redor da lectura. 


Este ano comezamos un pouco máis tarde pero igualmente con ganas de xuntarnos e compartir novas experiencias e actividades relacionadas co mundo dos libros, da cultura e coa nosa capacidade de reflexionar sobre lecturas e sobre o mundo que nos rodea moitas veces espazo e contexto deses libros que lemos. 
Comezamos coa lectura de Voraces sombras dun dos grandes autores da nosa literatura, Agustín Fernández Paz. A súa prosa estanos engaiolando. 



"Máis libros, máis libres", non podemos estar máis de acordo con esta frase do profesor Tierno Galván. Está claro que nós queremos ser máis libres.