luns, 19 de xuño de 2023

PRESENTACIÓN PISADAS LITERARIAS


O día 19 de xuño ás 18:30h no Vello Cárcere de Lugo os compoñentes dos clubs de lectura realizamos a presentación do libro Pisadas Literarias,  que seguía tendo como referencia a arte que embelece, aínda máis,  a nosa cidade e viña continuar o proxecto comezado o curso pasado coa publicación de Andanzas Literarias

Todo estaba preparado para poder transmitirlle ao público todo o que vivimos e compartimos nese tempo que nos ocupou este proxecto e que nos amosou, unha vez máis, que a unión de todos e todas, o traballo compartido, a ilusión, as ganas de coñecer, de saber, de investigar, de crear é o que nos move a todos e todas os que participamos nos clubs de lectura do noso centro. E para iso había que buscar "valentes" para estar na mesa da presentación. Non houbo problema, Pablo, Naiara e Jennifer aceptaron e convertéronse na voz de todos e todas. 

Dende as 17:30h estiveron preparando todo e solucionado problemas técnicos de última hora...



Como imaxinades nesta presentación non podiamos estar só os autores e autoras de Pisadas Literarias, xa que este proxecto contou coa colaboración desinteresada de persoas que nos foron abrindo camiño á hora de informarnos, aclarar dúbidas e axudaron a que o noso soño se fixese realidade. Convidamos ao "noso guía e amigo" GUIDOque non dubidou en volver acompañarnos nesta andanza e deleitou ao público coa súa intervención, na que transmitiu esa enerxía que todas as persoas que aman o seu traballo contaxian.  Moitas grazas, Guido por estar sempre aí, por querer tanto a túa cidade, o teu traballo, por axudarnos unha vez máis




e por dedicarnos o teu tempo e valorar o noso traballo. 


Nesta andanza  contamos tamén cunha persoa que nos abriu camiño, o "noso amigo" e artista Iago Eireos. Non puido asistir á presentación por motivos laborais, pero estivo con nós dende o comezo ata o final. Jennifer encargouse de ler o prólogo que escribiu para Pisadas Literarias, no que reflicte a sensibilidade e creatividade que caracteriza a un artista coma el. Moitas grazas, Iago por todo o que nos axudaches, que foi moito. Cumprimos moitos soños contigo

E agora toca lembrar a Pablo, Naiara e Jennifer que se encargaron de compartir a esencia deste proxecto. Pablo e Naiara comentaron como este libro ía tendo corpo: recompilación de fotos, contextualización das citas, achegamento á obra do autor ou autora e composición literaria propia. Jennifer encargouse de explicar como fora a maquetaxe que realizara cos seus compañeiros e compañeiras de TICs. Un traballo duro e que levou moito tempo, xa que non todo parece tan fácil..., pero o resultado obtido foi o mellor agasallo para todos e todas. Tamén comentou a portada, deseñada por María Penín, que recolle a esencia do traballo e dá pé ao título desta obra. Na sola do zapato van moitas das citas que pisamos e conforman estas pisadas que hoxe compartimos. 


Pablo foi rematando o acto e lembrando a contraportada do libro que recolle a cita literaria creada por todos e todas: 


E así  rematamos: ALEGRES PORQUE A LECTURA E A CREACIÓN NOS SEGUE UNINDO! 

E como somos así, queremos compartir o vídeo da presentación para que poidades gozar o que nós vivimos en directo. 

GRAZAS A TODAS AS PERSOAS QUE PARTICIPARON NESTA ANDANZA E AXUDARON A QUE TIVESE UN FINAL FELIZ!