O pasado 20 de outubro estivo con nós a actriz e escritora Ana Carreira. Non é a primeira vez que nos visita. Unha vez máis veu para axudarnos a facer as nosas propias creacións.
Nun obradoiro levado a cabo na biblioteca e no que participaron unha parte dos membros do club de lectura a condutora animounos a elaborar mensaxes reivindicativas sobre a nosa lingua, estes logo formarán parte do manifesto colectivo do Correlingua deste curso, que irá sendo creado por rapazada de diferentes centros.
Comezou léndonos o manifesto do curso pasado para facer boca e irnos dando ideas, logo acercounos ata un recuncho onde estaban dúas mesas: sobre unha estaban frases inspiradoras e sobre outra, imaxes relacionadas coa nosa lingua e cultura. Por grupos fixemos escolla de varias frases e imaxes e logo creamos os nosos propios murais reivindicativos en cartolinas coas imaxes e as nosas creacións .
Foi un pracer compartir esta sesión con Ana Carreira, aínda que 50 minutos nos soubo a pouco, agardamos que poida volver en novas edicións do Correlingua (ou noutras ocasións) e seguir creando en galego.
Moitas grazas, Ana! Seguiremos escribindo e reivindicando a nosa lingua!