mércores, 25 de maio de 2022

ANDANZAS LITERARIAS

HOXE foi un día "especial" para todxs xs integrantes do club de lectura. 

Que temos  en común na foto? 


Un exemplar de  Andanzas literarias, o  libro no que traballamos ao longo do curso e  recompila as nosas creacións baseadas nos graffiti ou murais que embelecen, aínda máis, á nosa cidade. 


Como imaxinamos que non lembraredes como nin cando comezou esta andanza, achegámosvos os enlaces subidos ao blog para que vaiades facendo memoria: 


PARABÉNS A DIEGO AS (nesta entrada  podedes ver un dos resultados que aparece no libro)

Non queremos cansarvos coa narración desta andanza, que levou moito, moito, moito tempo; por iso, imos contárvola dun xeito esquemático: 
  • Ruta pola arte urbana con Guido. Fotos dos murais e graffiti da nosa cidade.
  • Elección do mural ou graffiti nas sesións do club de lectura para elaborar o texto literario. 
  • Sara e Carla, en representación de todxs, contactaron  con Fran Alonso, autor de Street poems (obra que nos levou a pensar na posibilidade de facer nós algo semellante) para pedirlle consentimento por "plaxiar", "copiar" e "imitar" a súa idea. 
  • Resposta de Fran Alonso animándonos e ofrecéndose a escribir o LIMIAR da obra.  GRAZAS, FRAN ALONSO polas túas palabras e polo tempo compartido con nós!!! Compartimos as palabras do seu primeiro correo que nos animou, aínda máis. 

Prezadas Sara, Carla e demais:

Ante todo, quero felicitarvos pola vosa iniciativa e por ese traballo que tan boa pinta ten! Moitos parabéns!

Faime moita ilusión que fose o meu libro Street poems o que vos tentase a facer algo semellante; estou seguro de que o pasastes moi ben, ademais de aprender bastante sobre a arte urbana e a capacidade creativa que todxs temos. 
Por suposto que podedes copiar, plaxiar ou imitar a miña idea, que para min será unha honra. E, por suposto, contade comigo para esa pequena introdución, que farei encantado.

Moitas grazas e adiante!

Apertas,

Fran

  • Decisión de non revelar a identidade do autor/a do graffiti ou mural, de non estar clara a súa sinatura. (Andanza para o seguinte curso)
  • Ubicación do lugar da nosa cidade onde se encontraban. 
  • Deseño da obra (grazas, Marta).
  • Título e deseño de portada. María Penín e Jennifer Fernández compartiron as súas ideas con todos/as os/as compañeiros/as e así naceu: Andanzas literarias 


Cando vimos o resultado final, pensamos en compartir o noso libro co maior número de persoas posibles, co fin de que coñecesen a nosa cidade a través da arte urbana e das nosas palabras. Seica non foi tarefa fácil, pero iso xa é outra historia. 

Seguimos soñando... Imaxinamos  presentar publicamente a nosa obra, Andanzas literarias, nun espazo de renome da nosa cidade e acompañados/as por Fran Alonso, Guido, dous graffiteiros da nosa cidade...? Poderá ser? Quedará só nun soño? 

O que segue sendo realidade son as nosas andanzas. Nestes momentos estamos gravando o contido de Andanzas literarias para facer un audiolibro no que poidades escoitar todas as nosas creacións.

Deixámosvos co LIMIAR escrito por FRAN ALONSO na voz de Jennifer Fernández. 


E co poema que abre o libro, escrito e lido pola súa autora,  Jennifer Fernández. 
 
Agardamos que os nosos soños se fagan realidade!!
Agardamos poder compartir o audiolibro na súa totalidade!!
AGARDAMOS QUE VOS GUSTASE ESTA ANDANZA!!

Mentres desexamos... nós seguimos facendo das nosas!!!