domingo, 26 de maio de 2024

CELEBRANDO O DÍA DA POESÍA

O 21 de marzo celebramos o Día da poesía, non podiamos deixar pasar esta data sen ter un contacto máis estreito con este xénero literario. 

Os membros do club de lectura e o alumnado de 2º ESO A fixemos lectura de libros de poesía, repartíronse libros de poesía de Carlos Negro: Masculino singular, Makinaria, Penúltimas tendencias, Aplicación instantánea; tamén Street Poems  de Fran Alonso; Dez piratas de Gloria Sánchez; Trampa de lume de Núria Marí Constans ou A torre da derrota de Gonzalo Navaza. 

Logo de deleitarnos con estas lecturas a nivel individual, o alumnado escribiu recomendacións que puxemos no taboleiro... parécenos moi importante recomendar a lectura deste xénero xa que é pouco lido; pero se se escolle ben o libro e se lle dá unha oportunidade os adolescentes poden desfrutar moito con ela.








E o taboleiro foise enchendo ao longo da semana tamén con outras aportacións moi interesantes como as do propio alumnado de 2º ESO A,  o de 3º PDC e o de 1º de PEIEST. Crearon poemas de forma colectiva, moitos podemos enmarcalos dentro do surrealismo, compostos con palabras recortadas do xornal e pegadas nunha cartolina. Quedaron abraiados ao poder facer poesía desta forma e tamén moi contentos cos resultados. 










O alumnado de 1º INFOFI tamén fixo alarde da súa vea creativa e compuxeron uns fermosos poemas que, como non, tamén nos deixaron ler ao poñelos no taboleiro. 





Mirade que ben nos quedou toda a cortiza principal do centro cheo de versos, poesía, creatividade, emoción da lectura de poemas... 

Todo isto foise facendo durante a semana do 21 de marzo e pouco a pouco a colaxe foi tomando forma... unha semana onde nos deleitamos co "compango da poesía" como reza un verso de Celso Emilio Ferreiro. 


Pola súa parte os biblioaxudantes fixeron recitado de poesía, poñévos aquí o enlace á páxina da bilbioteca para que poidades velos e escoitalos: 

Recitado Día da poesía

8M: unha gran muller para nós

O día 8 de marzo chegou ao noso centro e, ademais de ter que celebrar e reivindicar os dereitos das mulleres e a igualdade de xénero, quixemos homenaxear unha muller destacada no noso instituto: BELÉN MOSQUERA, a nosa profe de Latín.

Ela deixará o seu labor docente este curso e este xa era un motivo para celebrar con ela esa "despedida", pero queriamos ademais demostrarlle o noso afceto a unha muller sempre disposta a axudar e a mellorar a súa contorna... unha profe querida polo alumnado, polo profesorado e por todo o persoal non docente...imos botala moito de menos para o vindeiro curso!

Ela tamén foi durante unha época coordinadora do noso club de lectura, así que aínda tiñamos un motivo máis para unirnos á festa. E alí estivemos, na bliblioteca facendo un kahoot en gran grupo sobre mulleres que marcaron fitos na historia e, sorpresa!!!!!!, cando chegaron as últimas preguntas, todas facían referencia a unha muller do noso centro empática, xenerosa, cercana e moi querida.... as respostas verdadeiras, claro, todas eran: Belén Mosquera. E ela alí diante sen saber nada!!!!!  a sorpresa foi maiúscula!!!!

A toda/os nos caeu algunha que outra bágoa cando a vimos a ela emocionada... fixémoslle algún agasalliño e logo estivemos moi atentos ás palabras que lle dedicou a profe María Gorgoso e, desde logo o que estabamos esperando, ás súas palabras, que foron moi moi emotivas. Aí non puidemos evitar máis bágoas. 

Desde logo non se nos ocorre mellor forma de celebrar este 8M, foi un acto moi sobrecolledor que quedará na nosa memoria e na de todo o noso centro.

















Temos que dicir tamén que para conmemorar esta data sinalada o equipo radio LLama puxo no tempo de lecer desta semana pola radio música galega con mensaxes feministas feita ou interpretada por mulleres como Sés, Guadi Galego, A banda da loba, Tanxugueiras ou as Fillas de Casandra e poidemos escoitalas nos corredores ou no patio fóra. 














sábado, 25 de maio de 2024

CLUB DE LECTURA DE ADULTOS

Queremos dar a benvida desde o noso club a outro club de nova creación este curso. É o club de lectura no que participa profesorado, nais/pais e persoal non docente do centro. Comezaron o 26 de febreiro co libro Reencontro e vanse reunir todos os meses.

É unha gran noticia para o noso centro e unha alegría saber que a nosa comunidade fai xuntanzas a redor dos libros e da lectura.

Moi boas lecturas e andanzas para este novo club!




DÍA DE ROSALÍA EN RADIO LLAMA

 Das actividades do Día de Rosalía deste curso falamos na publicación anterior. Pero o equipo de Radio LLama tamén quixo unirse a esta importante celebración. Para isto fixo un podcast no que se deu lectura ao manifesto da AELG para commemorar este día redactado por Carlos Callón este ano. Os/ As lectores/as foron Narges, Rafa, Alba, Aarón, Yasmin e Radu. A presentación fíxoa a nosa compañeira Andrea.

No podcast tamén aparecen diferentes cancións a través das que se fan moi diversas versións do poemas da nosa escritora máis universal, cancións interpretadas por Luz Casal e Carlos Núñez, Guadi Galego, Devacas ou Rosa Cedrón e Cristina Pato.

Durante toda a semana se emitiu este podcast na hora de lecer e así puidemos desfrutar e coñecer todos un pouco máis a obra de Rosalía de Castro. O seu espírito segue moi presente entre nós!



venres, 24 de maio de 2024

23 FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA

 Un ano máis, chegou o 23 de febreiro e con el a celebración dunha das autoras máis célebres e que máis repecusión tivo fóra das nosas fronteiras. Falamos da gran Rosalía de  Castro. Para ela sempre hai un anaquiño no club de lectura... Ademais a cortiza prinicipal encheuse con imaxes e con textos dela, así como do manifesto en memoria de Rosalía de Castro para deixar claro que no noso centro non nos esquecemos desta data tan sinalada. 

Taboleiro con imaxes e textos de Rosalía
Taboleiro en xeral


Manifesto do Día de Rosalía


Pero ademais o alumnado de 1º ESO animouse a facer as  súas propias versións de poemas desta gran figura ou traducións de poemas a outros idiomas como en marroquí, unha lingua propia e de uso de moitos compañeiros e compañeiras do centro... toda unha homenaxe como se merece a gran Rosalía. 

Poñémovos imaxes desta actividade que quedaron expostas na cortiza para que todo o alumnado do centro poida ver os traballos. 








martes, 21 de maio de 2024

ENTREVISTA A XOSÉ MANUEL SEIXAS

Xosé Manuel Seixas é un virtuoso na arte da facer das máis variadas máscaras de entroido. Xa dixemos que estivo con nós dándonos unha charla e mostrándonos o seu bo facer neste labor artístico. Aproveitando a súa presenza no centro, pedímoslle se lle podiamos facer unha entrevista e el accedeu encantado. Aquí vos deixamos a gravación feita para Radio Llama, xa sabedes: A radio do Muralla. 



domingo, 12 de maio de 2024

VIVIMOS O ENTROIDO CON XOSÉ MANUEL SEIXAS

 

O mércores 7 de febreiro tivemos a gran honra de ter con nós ao artesán Xosé Manuel Seixas. Veu darnos unha charla sobre as mascaras do entroido. Contounos como logo  de investigar sobre esta festa tan galega procurando información de primeira man dos artesáns dos  diferentes lugares, realiza as súas propias máscaras con moi diferentes materias: coiro, madeira, cartón, la, papel, metal...

Cada ano forma parte do Entroido de Santiago de Arriba en Chantada vestindo traxes cerimoniais como o Meco, o Volante, o Maragoto e, ademais, ten vestido outros traxes como o do Felo en Maceda.

Xosé Manuel tamén nos falou do proceso de elaboración de máscaras de Entroidos fóra de Galicia como o de Sardeña, en Italia.

Ademais da charla, deixounos unha exposición coa que puidemos apreciar todo o centro durante uns días o laborioso traballo e o bo facer das súas mans creando máscaras do máis diversas e coloridas. 

Grazas Xosé Manuel polo teu traballo e pola transmisión aos demais deste labor tan atractivo e á vez tan enraizado na nosa cultura. Que non se perdan as nosas tradicións! 


Charla de Xosé Manuel Seixas

Exposición de maścaras feitas por este artesán



sábado, 4 de maio de 2024

REIVINDICANDO NO DÍA DA PAZ

 Ola de novo!

Está claro que a necesidade de vivir en paz sempre habita en nós, pero nestes tempos tan convulsos parece aínda máis urxente poñer todos os nosos folgos en reivindicar que se acaben as guerras e todas as poboacións poidan desfrutar da vida sen que teñan a diario que convivir coa morte, a miseria, o terror, a desesperación.

Desde o noso centro quixemos facernos eco de toda esta pulsión e manifestar alzar a nosa voz fronte á barbarie na semana anterior ao30 de xaneiro, Día da Paz.

O alumnado de 3º PDC, colaborador de Radio Llama, quixo aproveitar a súa sesión semanal de lectura de prensa para recortar aquelas noticias relacionadas cos confitos bélicos que asolan hoxe en día o noso planeta e facer con eles un mural reivindacativo en contra de toda guerra.

Usaron como lemas: 

"FAI O AMOR E NON A GUERRA" que foi usado por primeira vez en 1968 por activistas en contra da guerra de Vietnam e que, desde aquela, foi tido como emblema noutras manifestacións reivindicando o pacifismo e o antimilitarismo.


"NON HAI CAMIÑO PARA A PAZ, A PAZ É O CAMIÑO", palabras do activista a favor da paz quizais máis recoñecido a nivel mundial e proposto en 5 ocasións para o Premio Nobel da Paz: Mahatma Gandhi.


Acompañando este mural, crearon un texto no que se explica a orixe da celebración como Día da Paz o 30 de xaneiro e outro no que se recolle a biografía do xa nomeado Mahatma Gandhi.



E ademais fixeron haikus sobre nos que plasmaban a súa visión subxectiva da paz. 


Por outra banda, a cortiza de Normalización Lingüística foise enchendo de pombas brancas, símbolo da paz, nas que o alumnado de diferentes cursos da ESO e de FP Básica foron poñendo frases ou versos a favor da paz,

Alumnado de FP Básica, logo de poñer as súas pombas no taboleiro

Queremos recoller aquí tamén a iniciativa levada a cabo polos biblioaxundantes. fixeron unha pancarta contra a guerra en Palestina e o 30 de xaneiro saíron manifestarse con ela diante do noso centro. 







venres, 3 de maio de 2024

"AQUÍ TAMÉN SE FALA" NA PRENSA

Alumnado de todo o centro continúa pegando carteis da campaña AQUÍ TAMÉN SE FALA  e cada día vai collendo maior pulo ao longo de toda Galicia e tamén, como non, no noso barrio. 
A nosa pequena pinga nesta marea que supón este gran labor de difusión da nosa lingua comeza a ter a súa repercusión tamén na prensa.
Desde o Club de lectura apoiamos e participamos esta importante iniciativa

Noticia en sección local de La Voz de Galicia, 29/01/2024


RADIO LLAMA: ENTREVISTAS LUCUS INTERCENTROS

 Como xa vos dixemos na entrada anterior, as nosas compañeiras Laura, Sara e Iria de 1º BAC proclamáronse flamantes gañadoras da 11ª edición do concurso Lucus Intercentros celebrado e organizado no noso instituto.

No tempo de lecer do xoves 25 e venres 26 de xaneiro puidemos escoitar nos corredores as seguintes entevistas que agora podes desfrutar desde o noso blog. 

A primeira entrevista realizouna o noso compañeiro Rafa (3º ESO) ás alumnas gañadoras na que nos comparten as súas impresións previas á súa participación.


Unha vez que soubemos que o noso centro se proclamara gañador o equipo de Radio Llama non quixo perder a oportunidade de recoller de primeira man as impresións das gañadoras: Laura, Sara e Iria e, de paso, saber o grao de satisfacción do alumnado organizador do evento. 
Neste audio o equipo fai unha introdución sobre o Lucus Intercentros, seguidamente escoitaremos  unha entrevista mutua entre as alumnas de 1º BAC gañadoras do certame e un alumno do Ciclo de Asistencia a Dirección da familia de Administración e xestión.

Escoitádea porque é emocionante escoitalas!

E moitas grazas aos protagonistas por prestarse a este xogo da entrevista mutua (estamos creando un novo xénero xornalístico!!!)


LENDO PRENSA. GAÑADORAS DE NOSO NO LUCUS INTERCENTROS

No noso club de lectura tamén lemos prensa e, sobre todo, cando hai algunha noticia relacionada co noso centro. 

Así que o martes 23 de xaneiro tivemos un oco para ler a noticia que poñía o foco nas gañadoras deste ano do concurso Lucus Intercentros que organizou o alumnado do grao de FP de Asitencia a Dirección na que xa é a súa undécima edición. 

Se isto xa é un motivo de satisfacción para nós, aínda axuda máis que fose este curso, por segundo ano consecutivo, gañador o equipo do noso centro formado por tres compañeiras de 1º BAC:  Laura, Iria e Sara que se proclamaron gañadoras entre os equipos de sete institutos de Lugo participantes.

Moitos parabéns! Sentímonos moi orgullosos e orgullosas de vós!