martes, 19 de novembro de 2019

NOVA SESIÓN DE "LECTURAS E ANDANZAS I"

Como xa imaxinaredes, hoxe achegámonos ao club de lectura decidid@s a continuar lendo Nada de Janne Teller. Todo preparado.

Pero como había moito traballo por facer e queriamos amosarlle, dende este momento, a Pierre Anthon que nós non estamos de acordo con iso de que Nada importa NADA. PUXÉMONOS MANS Á OBRA! Porque o día 25 de novembro, SI QUE NOS IMPORTA!

Continuamos facendo lazos.



E fixemos e fixemos... para colocalos... ( pronto teredes noticias) 

Mentres outr@s poñiámoslle voz ao rap que compuxeron @s nos@s compañeir@s de 1ºESOB e compartiron con nós. Foi o primeiro ensaio, houbo que buscar base, acoplar voces... Pero orgullos@s  por cantar esta letra. 

RAP CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Odio cando escoito que fas dano
é inxusto que uses o maltrato
simplemente por egoísmo
que se converte en machismo.

Ela está soa
Nun recuncho sen saída.
Ela quere estar viva
E que rematen os lazos da vida.


Unha pelexa que se converte en ferida
con esas bágoas caídas.
Unha pelexa que se converte en desprezo
Cando a muller non merece eso.

Ela está soa
Nun recuncho sen saída.
Ela quere estar viva
E que rematen os lazos da vida.


Fóra estereotipos machistas!
Igualdade social!
Mulleres libres!
Respecto total!
SEMPRE VIVAS!
SEMPRE VIVAS!
SEMPRE VIVAS!
SEMPRE VIVAS!
......
Letra escrita polo alumnado de 1ºESOB


Sara, Zaida, Lara (en representación d@s autor@s da letra) guiaron o ensaio. 



Rematamos a sesión do club lembrando que mañá hai máis traballo por facer. Pierre Anthon, aínda que non sabemos o que vai pasar no libro, dicímosche que non entendemos a "túa filosofía" de NADA IMPORTA. Fíxate en nós. 

domingo, 17 de novembro de 2019

Sara Pico (1ºESO) entrevista a Pilar, profesora de Lengua y Literatura

Ao comezo do curso 2019/2020, a nosa compañeira e reporteira Sara Pico (1ºESO) entrevista a profe de Lengua e Literatura Castelá: Pilar.

Aquí vos deixamos coa entrevista e agardamos que vos guste tanto coma a nós. Grazas, Pilar.

Se non podes escoitar a entrevista, pulsa nesta ligazón

luns, 11 de novembro de 2019

O león de Nemea

O mércores día 6 rematamos a lectura do primeiro traballo de Hércules, que trata David Rubín no libro que estamos lendo: El heroe.

A nosa compañeira Iria, continuou levando a lectura e moderando os comentarios. Aquí tedes  unha pequena mostra.  ( Xa vedes que un tema, leva a outro...)




Rematado o primeiro traballo tocou comezar o seguinte: " La hidra de Lerna". Investigamos, compartimos os nosos coñecementos e ensarillámonos en diferentes temas que quedan entre nós; non si, Mariela, Hugo...?


Hércules loita coa hidra de Lerna
De Francisco de Zurbarán - Galería online
Museo do Prado - Dominio público
 
Ata a próxima.

luns, 4 de novembro de 2019

LECTURAS E ANDANZAS I continuamos lendo Nada, Janne Teller

Ola a todos e todas!

Non pensedes que nos esquecemos de achegarvos o noso día a día do club, pero estivemos compartindo este tempo de lectura con outros eventos, como xa imaxinades se seguides o blog.

Ao rematar a sesión de hoxe do club  dicímosvos que xa estamos un pouco fart@s dese Pierre Antón. A onde quererá levar @s seus/súas " compañeir@s"?

Aroa e María puxeron voz ao capítulo IV da obra e tod@s estivemos moi atent@s para saber que acontecía. Pierre segue subido á árbore ( aínda que tivo que baixar uns días...), segue repetindo -unha e outra vez- que nada importa, imos coñecendo un pouco máis as personaxes e  preguntándonos cada vez máis cousas.


Aquí tedes o audio que recolle algúns fragmentos que seleccionamos do capítulo lido e unhas  opinións.



Non sabemos como rematará isto, pero seguimos reafirmando a opinión de Sara: " Moi filosófico".



domingo, 3 de novembro de 2019

CONCIENCIAD@S COA NAI TERRA

Boas tardes a todos e a todas:

O tema do que imos falar é algo que nos preocupa e -cremos- debe importar a todo o mundo. Por iso, lanzamos unhas preguntas que nos xorden e que agardamos fagan reflexionar.

  • Algunha vez pensastes en coidar o que nos sustenta?
  • Sabedes a quen nos referimos cando falamos de quen nos sustenta?
  • Quen nos alberga sen pedir nada a cambio?
  • Que facemos nós para agradecerlle a súa amabilidade?
  • Coidamos este "habitáculo" para que outras persoas poidan gozar del nun futuro? 
  • Sendo tant@s hóspedes "incivilizad@s", dubidades que algún día acabaremos con el/ ela?
  • Gustaríavos mergullarvos nun mar de plástico?
  • Que facedes para coidar o PLANETA, A NOSA NAI TERRA?

Aquí estamos para achegarvos o que imos facer nós para PROTEXER O NOSO PLANETA, xa que sen el non seriamos ninguén.  Que mellor que comezar polo que está máis preto!

Hai días compartimos con vós estas imaxes que proban que alguén comezaba a moverse.
Porque non queremos un patio así:

A primeira persoa que se achegou ao centro foi Mayra, quen nos  lembrou  o importante que é reciclar e nos puxo os pés na terra  ao falar da situación que vive o planeta.  Grazas a ela contamos con estes contedores para comezar o noso traballo. 


Continuaron as representantes de ADEGA Lugo que nos centraron no importante que é o consumo responsable falando dos residuos e as tres RS  e continuarán achegándonos información para que  noso horto medre e creza como se merece. 

Logo tocounos a nós participar nunha andaina pola ribeira do Miño, é dicir, rodead@s de natureza e do que ela nos achega. 


Como queremos COIDAR a quen nos permite VIVIR, aquí van as nosas propostas:

SE QUEREDES SEGUIR GOZANDO DE TODO O QUE NOS OFRECE A NATUREZA, A TERRA, O PLANETA NON DUBIDES EN UNIRTE A NÓS:

  • FAI USO DOS CONTEDORES QUE ESTÁN Á TÚA DISPOSICIÓN DENTRO DO INSTITUTO E NO PATIO.
  • AXUDA A CONCIENCIAR RECOLLENDO LIXO NO PATIO OS VENRES NO RECREO. QUEN CANSARÁ ANTES?
  • COLABORA NO CONCURSO PARA DESEÑAR OS LOGOS QUE IDENTIFICARÁN CADA CONTEDOR. 

Non pensariades que nos iamos despedir sen amosar "ao noso xeito" o compromiso que temos coa natureza.  Aquí van algúns haikus que @s nos@s compañeir@s de 1º ESO crearon para amosar o importante que é para eles e elas.
  




martes, 29 de outubro de 2019

O SAMAÍN


Cabaza debuxada por Candela

Fixemos regueifas:







E puxémoslles voz ás nosas creacións. Mil perdóns....!!! ( cantar non cantaremos moi ben, pero rir si que rimos) 



E seguimos escribindo e gozando:





@s compañeir@s de 1ºESO agasalláronnos con estas coplas ideadas por eles e elas.  






E decoramos o centro para a ocasión, mércores seguro que alguén virá pedir: TRUCO OU TRATO! 



mércores, 23 de outubro de 2019

LECTURAS E ANDANZAS II

Aquí volvemos os amantes do cómic!

Como xa sabedes estamos con El heroe de David Rubín e hoxe comezamos a lectura do libro, xa que na anterior sesión tocou investigar algo sobre mitoloxía. Cando dicimos algo é porque hoxe tamén tivemos que buscar información, aínda que a nosa compañeira Iria sempre nos daba unha pista para facilitarnos o camiño.

Detivémonos bastante nos  "alucinantes" debuxos, porque non queriamos pasar por alto nada de nada.

Lemos e vimos como debuxou Davíd Rubín o nacemento de Heracles e Euristeo. Quen foi o primeiro en nacer? Procurade buscar a resposta porque vos axudará a entender a historia.  
E comezaron a saír nomes: Hera, a que nós rematamos por chamar, "a deusa das deusas"... En fin, que fomos pasando páxinas e chegamos ao momento en que a acción se desenvolvería en Nemea. 


E así demos por concluída a sesión de hoxe.