Xa todos e todas rematamos o primeiro tomo do cómic!
Iria Liñares
Despedímonos xuntos do heroe que fomos descubrindo pouco a pouco, semana a semana, sen perder detalle das súas aventuras. Cando a nosa compañeira Sara rematou o último capítulo detivémonos con certa mágoa a observar a portada. Entón fixen a pregunta do millón: que vos pareceu? As súas respostas non me sorprenderon, sabía que lles gustara dende o principio. Porén, cada quen tiña algo que achegar; que se o capítulo favorito, a parte máis graciosa, o personaxe máis interesante... En fin, resultou toda unha odisea pola mitoloxía grega.
E así, cunha gran estima, deixamos no andel o tomo un (sempre único para nós), e collemos o segundo coas mesmas ganas e paixón. Por suposto, a sección cómic de " Lecturas e andanzas" nunca decepciona!
Só nos queda darlle as grazas de novo a Rubín, o autor que nos agasalla con longos anacos de sorrisos, e aguantar as ganas de seguir lendo ata a vindeira semana.
Iria Liñares