mércores, 1 de febreiro de 2023

DÍA DA PAZ 2023

O día 30 de xaneiro, Día da Paz, o grupo de contacontos dos clubs de lectura compartimos as nosas historias coa rapazada do CEIP Albeiros. Canto nos tardaba volver realizar esta actividade!

Chegamos ao CEIP Albeiros (para moitos/as de nós, o noso antigo colexio...) e xa nos viñeron recibir cos brazos abertos. Algo nerviosos/as estabamos, pero ao ver a acollida xa nos fomos tranquilizando un pouquiño. As profes leváronos ata a biblioteca, espazo no que realizariamos a nosa representación,  nisto empeza a entrar o público e volveron os nervios... Unha vez sentados todos e todas, comezamos... 

Sara, Miguel, Carla, Noa, Khady, Moraima, Malena, Carla, Desi e Anum preparados/as. 


Sara comezou presentándolle ao público os/as seus/súas compañeiras. Abriu a actuación Carla e Noa, acompañadas de Miguel,  que lles contaron unha historia sobre o vento e o sol e na que necesitaron axuda dos espectadores. Continuou Carla, que conseguiu converter a todos e todas os nenos e nenas en magos e magas da PAZ para acabar así coas mentiras. Sara lembroulles o conto dos "fueguitos", facendo que cada neno e nena se dese conta que dentro deles/delas levan un que ilumina o mundo. Desi ensinoulles a plantar a semente da PAZ para que medre unha árbore que cubra o mundo e o protexa das guerras e inxustizas (tamén lles ensinou a nadar e remar...). Anum e a súa fochanca (aínda estarán agora os pequerrechis/as lembrando as veces que caeu por...) fíxoos pensar e darse conta de que os obstáculos sempre se poden salvar. Khady e Miguel comeron moitas galletas e case acaban coa paciencia do público (sobre todo por Khady que non escoitaba do que a estaban avisando), pero lembráronlles que antes de enfadarse hai que pensalo moi ben. Moraima e Malena describiron dúas pinturas que reflectían a PAZ, pero o máis importante é que escoitaron como a pintaría o público. Chegou a última actuación, na que participamos todos e todas. Desi narraba o conto, Anum era o elefantiño que se perdera e o resto do grupo eran elefantes ou búfalos. O público tiña que participar nesta historia decidindo o final. Con que se irían? Cos elefantes ou cos búfalos? Que os engaiolaría máis, o TUUUUUUUUU ou o MUUUUUUUU?  Nós sabémolo. 













E REMATAMOS A ACTUACIÓN AGRADECENDO A TODO O PÚBLICO A SÚA PARTICIPACIÓN. 

E como non, a TODO O PROFESORADO QUE NOS ACOLLEU COS BRAZOS ABERTOS E NOS AGASALLOU CON CARIÑO E DOZURA. 


Chegamos ao instituto e, mentres almorzabamos, xa pediamos repetir a experiencia porque nos enchera de ilusión vendo como os nosos contiños axudaran a pasar a todos e a todas uns momentos inesquecibles e enriquecedores. 


 Agora deixámosvos co vídeo que recolle uns momentos da nosa actividade.