luns, 9 de decembro de 2024

REUNIÓNS DO CLUB DE ADULTOS

Nós reunímonos na hora do lecer os martes e mércores todas as semanas para facer diferentes lecturas e charlar facendo reflexións sobre os diferentes libros e cómics que lemos. 

O grupo de adultos tamén está desfrutando moito coas lecturas, eles reúnense pola tarde, ás 20:00 os último luns de cada mes. 

Xa levan lido Cabalos e lobos de Francisco Pérez Lorenzo  e La educación física de  Rosario Villajos. 

A seguinte lectura que comentarán será La biblioteca de fuego de María Zaragoza. Nesa reunión estará tamén presente, mediante videoconferencia, a propia autora... xa vos iremos contando!



UN DELICIOSO SAMAÍN

Este ano o EDLG e o equipo de biblioteca propuxo para celebrar o samaín un concurso gastronómico relacionado con esta festa, tratábase de traer pratos (sobre todo doces) relacionados coa temática do medo e do terror, xunto coa comida tamén debía aparecer a receita usada para elaborar tan "terroríficos" pratos. 

O club de lectura tamén se sumou á celebración, así que o xoves 31 de outubro fomos á biblioteca a formar parte do público que degustaba os pratos, incluso un rapaza do noso club se animou a participar cunha torta. 

Parte integrante do club de lectura na degustación do Samaín

Aquí vos mostramos algún dos doces feitos para o concurso do Samaín, estaban realmente moi "currados".

Parabéns a tod@s @s participantes! Así dá gusto celebrar esta data!










martes, 3 de decembro de 2024

BENVIDOS A UN NOVO CURSO!

 Perdoade a tardanza en facer a primeira publicación deste curso. 

O certo é que xa levamos lendo todo o trimestre. Estamos lendo o libro Alma de grilo de María García coa que moi axiña imos ter unha sorpresa. 

Estanos gustando moito... sobre todo estamos sacándolle moito zume e os seus relatos dános para moitas "discusións", debates e, sobre todo, reflexións. 

Xa vos iremos contando máis cousiñas!!!!


Alma de grilo: o noso primeiro libro deste ano

Mesa de lectura e coloquio


martes, 25 de xuño de 2024

RUTA LITERARIA POR RIBADEO

 Rematamos as nosas andanzas este curso cunha saída a Ribadeo. 

O día 20 de xuño os membros do club de lectura, os colaboradores de Radio Llama e os bibloaxudantes achegámonos ata a Mariña Lucense para rematar cun día distendido o noso labor durante todo o ano. Fomos primeiro á praia das Catedrais, pero estaba un día moi malo, non paraba de chover! Así que baixamos do autobús e volvemos entrar porque non puxemos pingando. 

Achegámonos entón ata Ribadeo e alí, que milagre! deixou de chover e puidemos facer unha ruta polos lugares máis coñecidos de Ribadeo, sobre todo aqueles que están relacionados co último libro que lemos no club: A gruta da Torre de Lois Pérez, levamos unha pequena decepción ao ver tapada a torre dos Moreno por obras, pero o paseo pagou a pena. Tamén baixamos ata o porto e desde alí fixemos un pequeno percorrido en barco pola ría con explicacións do patrón do barco, que ben o pasamos!

Cando rematamos, xa era hora de xantar; así que tivemos un rato de tempo libre para facelo e desfrutar libremente da vila de Ribadeo. 

Ás 15:30 saímos cara a Lugo, pero non podiamos marchar sen facer unhas últimas paradas; primeiro na praia das Catedrais, agora non chovía pero non puidemos baixar pasear por ela porque a marea estaba alta, pero si que a vimos desde arriba e pareceunos unha marabilla. 

E non podiamos volver a Lugo sen darnos un pequeno baño no mar... o día parecía que non convidaba moito, pero as gañas de gozar coas ondas puideron con todo... así que bañáronse os que así o desexaban (a maioría), despois secámonos, desfrutamos un anaquiño máis da praia e aproveitamos para merendar. 

Logo desta intensa xornada, collemos rumbo a Lugo a onde chegamos sobre as 20:00 h da tarde.

Foi unha gran experiencia para rematar o curso!!! 

Desde aquí aproveitamos para desexarvos unhas felices vacacións. Gozade do verán!!!!

Foto de grupo no porto de Ribadeo


Navegando pola ría de Ribadeo


GALA FINAL DO "ENREDANDO CO GALEGO"

O mércores 12 de xuño desfrutamos da gala final da iniciativa "Enredando co galego”. En primeiro lugar, Grande Amore animou o público asistente. A segunda parte da gala consistiu nun sorteo de 2 lotes de libros e unha tableta por instituto. No noso caso, foron afortunados/as Yago de 2ºA, Narges de 3ºB e Sofía de 2ºB.

Por último,o xurado destacou a variedade de traballos presentados: relato breve, podcast, conto, poemas, vídeos, composicións plásticas...que se publicaron nas redes sociais co cancelo #enredandocogalego ou na páxina web da AELG. O terceiro premio foi para Celia Rodríguez de 1º BAC, o segundo para Sara Pico de 1º BAC e o gañador foi Eric de 2º ESO B polo relato "Ola, son Pedro". Ademais, o xurado destacou os textos de Martín Vila "Cantiga de amigo", os poemas de Yasmin  e o podcast recomendando unha lectura de Violeta, tres estudantes de 4ºESO.

Parabéns polo voso compromiso e pola vosa creatividade!


Participantes diante do auditorio Gustavo Freire

Gañadores do noso centro


domingo, 16 de xuño de 2024

AS LETRAS GALEGAS CON MÚSICA EN RADIO LLAMA

 Ademais de todos os actos que houbo conmemorando o Día das Letras Galegas no noso centro, o equipo de Radio LLama quixo unirse tamén a tan importante celebración e para iso creou un podcast no que se fai unha breve introdución sobre quen foi Luísa Villalta para dar logo a diferentes versións musicadas de poemas da propia Luísa Villalta e de Rosalía de Castro... dúas figuras sobresaíntes da historia da nosa literatura.

Durante toda a a semana do 17 de maio puídose escoitar esta selección musical nos corredores e no patio do noso centro... así con música en galego foi unha boa forma de celebrar as semana das nosas letras.

Deixámosvos aquí o programa para que o escoitedes!



CELEBRANDO A LUÍSA VILLALTA

Este ano o Día das Letras Galegas estivo dedicado a Luísa Villalta, que foi profe de Lingua Galega, ademais de autora prolífica de diferentes xéneros literarios en galego.

Un ano máis quixemos celebrar no noso centro este gran día e homenaxear a esta polifacética autora. 

Durante o mes de maio xa se estivo facendo traballos sobre a autora homenaxeada, para iso o alumnado de 2º ESO A fixo uns lapbooks nos que, ademais de facer unhas vistosas decoracións, puxeron información relativa á vida de obra de Luísa Villalta. Estes foron expostos no taboleiro de Dinamización Linguística. 





















Taboleiro do EDLG cos lapbooks sobre Luísa Villalta



Comezamos a semana das Letras con actividades na biblioteca. O luns realizamos a actividade "Deconstruíndo a Luísa Villalta", empregando recortes de versos da autora creamos novos poemas que logo expuxemos na cortiza principal, xunto coa exposición que había sobre a escritora na cortiza prinicipal.












Ao día seguinte, no lecer, tivo lugar un Kahoot tamén na bibioteca sobre a biografía da homenaxeada, que gañou o equipo de Walid, Malena e Moraima. Tamén houbo agasallos para o segundo e terceiro posto!













O 15 de maio, desfrutamos dun recital-concerto en homenaxe a Luísa Villalta. Puidemos escoitar poemas da autora da man de alumnado de 1ª, 2ª e 3ª  ESO, recitado acompañado de música interpretada por Violeta Fraga Sal de 4ª ESO B ao saxo e Carlos do ciclo DAM aos teclados. Neste acto recitáronse partes das obras O oco da palabra, Música reservada, En concreto e Ruído.

Como peche, os presentadores Rafa de 3ª ESO e Carla de 4º ESO reivindicaron o uso da nosa lingua non só neste mes, senón os 365 días do ano.