Hoxe tivemos a grande sorte de coñecer a Yolanda Castaño, filóloga, tradutora, crítica literaria, poetisa, presentadora de televisión... e, sobre todo, amiga d@s amig@s.
Tod@s sabiamos que hoxe, a sesión do club comezaría ás 11,30h e tiñamos que ir xa "alimentad@s", porque sería de mala educación estar comendo diante da nosa convidada. Así o intentamos facer a maioría.
Cando chegou Yolanda Castaño, os membros dos clubs de lectura estabamos agardándoa con todo o interese.
Jennifer encargouse da presentación e de facerlle dúas preguntas:
- Pensas que se todas as persoas nos puxeramos de acordo, poderiamos cambiar este mundo?
- De onde sacas o tempo para facer tantas cousas, como fas?
(non imos compartir as respostas porque algo terá que quedar entre nós, non si?)
Yolanda contounos os seus comezos e logo adentrouse no mundo da poesía. Sabiamos que o obxectivo do taller era conseguir que lle perderamos o medo a este xénero, e Yolanda CONSEGUIUNO "totalmente". Nin cando comezou a falar de metáforas, comparacións, tipos de rima... sentimos arrepíos. En absoluto! Sentimos a poesía como algo próximo a nós, xa que a todas as horas do día estabamos empregando figuras literarias, sen nós sabelo. Enganchounos cando nos puxo un exemplo matemático: 2+3 son 5 hoxe, e era así tamén no s. XIX, tanto na China como aquí. E gañounos totalmente ao identificarnos como lector@s de poesía. "Cando abrides un libro de poemas, pensades que estades lendo un xeroglífico e dádeslle a volta por se trae a solución".
Seguiunos amosando que a poesía é algo próximo, que vive en nós, que non ten fronteiras e que hai que gozala, non "descifrala.
Tocaba traballar:
Tiñamos que crear metáforas sobre o SOL.
Que diferenza existe entre:
O sol é coma unha lámpada que ilumina os nosos días
e
O sol é unha lámpada que ilumina os nosos días?
|
|
consonante, asonante...
|
|
Ata darlle forma ao poema que compuxemos tod@s.
Agora deixámosvos cunha presentación na que poderedes ver un resumo do taller e ler o poema, que conseguimos elaborar grazas a Yolanda. Unha recomendación: non o leades coma se fose un xeroglífico!
Para rematar van as palabras de Iria L. sobre o taller:
"Pareceume un taller sorprendente e orixinal, non só polo pouco que estamos afeitos á poesía, e ó descubrimento que supón que unha experta a faga chegar a nós de maneira tan sinxela e didáctica, senón polas expectativas que temos sobre este tipo de charlas. Adoita ser todo teórico, sen participación ningunha, e que, de súpeto, vísemos un poema composto por nós mesmos... e que incluso soaba ben... foi toda unha revelación. Incrible! Penso que agora tod@s vemos a poesía con novos ollos, con máis cariño".
Moitas grazas, Yolanda Castaño!