xoves, 7 de marzo de 2019

DÍA 8 DE MARZO, DÍA DA MULLER

Achégase o día 8 de marzo, DÍA DA MULLER. 

Aquí vos deixamos  coa ilustración de Roumaissa Amel (2ºESO) para amosar que estamos pola IGUALDADE! 

E agora con algúns textos:

O PAPEL DAS MULLERES


Tanto os homes coma as mulleres debemos ter os mesmos dereitos e as mesmas obrigas, pero a sociedade non o demostra.
O papel das mulleres en anos anteriores era inxusto. Eran “propiedade” do home; os nenos tiñan máis preferencia para ir á escola cás nenas; as mulleres non podían participar no exército, non podían votar, non podían vestirse con liberdade... Só tiñan que atender o traballo doméstico, coidar dos fillos e fillas e a outras cousas, “ sen importancia” para os homes.
Estamos no século XXI e a verdade é que hai moitas cousas que cambiaron en comparación cos tempos anteriores, pero aínda escoitamos malas noticias de abusos, maltratos, asasinatos... Inxustizas no campo laboral porque vemos que os homes seguen cobrando máis cás mulleres, cando fan o mesmo traballo. En fin, que non todo se conseguiu.
Por iso queremos lembrar que:
A muller é un ser humano que debe ser respectada coma todas as persoas, e que as mulleres non somos  “presa “ de ninguén.
As mulleres non queremos ser máis cós homes, o único que desexamos é que todas as persoas teñamos os mesmos dereitos.
Entre todos e todas temos que parar coa desigualdade entre homes e mulleres!
Roumaissa Amel, 2ºESO B

Dende o meu punto de vista ningún dos xéneros é superior ao outro, pero nesta sociedade semella que isto non é así, xa que a muller está infravalorada en moitos aspectos, traballos, salarios, recoñecemento social...
A día de hoxe temos que seguir loitando, acudindo a manifestacións e celebrando o día 8 de marzo - día da muller- para conseguir que a igualdade, algún día, sexa realidade.
Creo que o máis importante para conseguir a igualdade é unha educación sen machismo desde pequenos e pequenas, dende as familias, nas escolas e dende a sociedade. Só así deixaremos de escoitar que as cores teñen xénero ( nin o rosa para as nenas, nin o azul para os nenos) e eliminaremos os prexuízos á hora de comprar os xoguetes dependendo de se son  nenos ou nenas.
Eduquemos dende pequenos e pequenas en igualdade!
Noa Pin, 2ºESO B

Hoxe veño falar dun tema moi importante:  a desigualdade de xénero.
Estou farta de escoitar que “ o feminismo está de moda”. Non se trata de ningunha “moda”; porque o feminismo implica igualdade, por iso debería ser a norma a seguir dende sempre.
Non é normal que cada día que poña a tele escoite: “ morre unha muller asasinada polo seu marido, mozo, parella ou exparella”.  O que sucede é que estas noticias están  tan normalizadas que non se lle dá a importancia que tería que dárselle. A día de hoxe non pode ser que unha muller queira saír á rúa pola noite e sinta  medo por se alguén lle vai facer dano, tendo que levar o móbil e as chaves na man, ou que se nos cualifique “simplemente” por como vestimos. Cada muller é libre de ir a onde queira e como lle dea a gana.
Estas son algunhas das situacións que entre todos e todas teriamos que cambiar, e máis nós, coma mulleres que somos. Penso que se todos e todas puxeramos un pouco da nosa parte ( as mulleres como feministas e os homes como aliados), pouco a pouco poderiamos cambiar esta situación.
Non se trata de poñer a muller por riba, simplemente de igualdade, de conseguir a igualdade de xénero.
Únete a nós pola igualdade!
Sabela López, 2ºESO B