luns, 30 de xuño de 2025

PROBANDO A NOVA RADIO

Durante o curso non puidemos emitir programas de radio porque o equipo que tiñamos na aula 05 estragouse e non houbo posibilidade de arranxalo. Estivemos á espera dun novo tal como estaba prometido e chegou, pero ao final do curso. 

En canto o tivemos no centro, buscamos un lugar idóneo para colocalo, pensamos no espazo onde se realizan as reunións de titoría cos pais porque é o único que nos resultaba axeitado, nunha aula non era operativo. 

Así que, logo de pedir permiso, montamos o equipo de radio alí axudados polo alumnado de 4º ESO da materia de Intelixencia Artificial, axudados polas profesoras de Tecnoloxía Lucía e Maite. 

Unha vez montado, os alumnos de 4º PDC crearon o guión de dous podcast sobre o Día das Letras Galegas: un sobre as cantareiras ás que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e outro sobre curiosidades en torno a este día: porque se celebra un 17 de maio, que actividades se fan, cantas mulleres foron homenaxeadas...

Logo de facer os guións había que ir probar como ía era iso da gravación e a verdade é que foi unha gran experiencia; os resultados de toda a montaxe aínda non os temos, en canto poidamos poñerémolos aquí. 

De momento deixámosvos cunhas fotos sobre os momentos das gravacións. 

Para o ano utilizaremos a radio moito, porque a actiividade  resultou moi motivadora. 






mércores, 18 de xuño de 2025

NOVA VISITA DE MARÍA GARCÍA

Este ano tivemos a visita da escritora lucense María García por partida dobre, pirmeiro veu ao club do alumnado da que xa vos falamos noutra entrada deste blog e da que temos un moi grato recordo.

E despois os adultos tamén se animaron a ler a súa obra de relatos Alma de grilo e a compartilo coa propia autora o pasado 6 de maio. Segundo os membros deste club foi unha xuntanza moi enriquecedora porque cada un ía aportando a súa visión do libro e das historias que máis lles impactaran ou chamaran a atención. 

A autora comentou que saíran á luz detalles e visións nas que ela non pensara. 

En resumo, este tipo de actividades de encontro cos autores/as nunca defraudan e sempre se aprende e se desfrutan momentos únicos para os que nos gusta a lectura. De feito, María quedou tan encantada que pediu vir á seguinte sesión de reunión do club e propuxo como lectura o libro de poesía Feliz Idade de Olga Novo.

Grazas, María, polos teus libros cheos de tenrura e lirismo e tamén por vir ao noso centro a charlar e a compartir con nós. 

Agardamos verte axiña, sería ilusionante que poideses achegarte en vindeiras sesións do club do ano que ven e formases parte da nosa comunidade lectora. 





23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

 Como ven sendo habitual o club de lectura sumouse á celebración do Día do libro. Xusto o 23 de abril era día de reunión, así que decidimos facer unha xuntanza especial, ir ata a biblioteca na que, coa axuda de equipo de biblioteca e dos polos creativos, había preparada unha actividade especial: unha cita a cegas cun libro.

Xa o probaramos o ano pasado e gustounos moito esta proposta, este ano tiñamos que repetir. Primeiro poñiamos os cascos e logo tocar algún dos libros que estaban envoltos en papel de aluminio e dos que non tiñamos nin idea do seu título, para escoitar un pequeno fragmento en audio. Cada un de nós foi escoitando os audios de entre dous e tres minutos, logo diciamos se nos gustaran, que libro escolleriamos para ter unha segunda cita con el e, o que máis nos gusta, intercambiabamos opinións sobre o que escoitabamos e sobre o tema sobre o que podía xirar o libro. 

Un ano máis foi todo un éxito. Algunha das rapazas do club tamén colaborou gravando algún audio e logo fíxolles graza escoitar a súa voz na gravación. 

Desde o club animamos a todos e todas a perderse no mundo da lectura, para encontrarnos a nós mesmos e a personaxes que poden ser todo un descubrimento. Se logo compartimos as lecturas, como facemos no club. xa é unha marabilla. 









luns, 2 de xuño de 2025

O CLUB TAMÉN CELEBRA O DÍA DA POESÍA

 O 21 de marzo celebramos o Día da poesía e o club de lectura uniuse a esta celebración. O taboleiro da lingua estaba preparado para acoller as nosas creacións, así que puxñémonos mans á obra. 

Fixemos composicións colectivas mediante a técnica do cadáver exquisito. En folios de cores, que representaban  a nosa diversidade, comezamos con dous versos escollidos de poetas de renome da literatura galega ao que lle iamos engadindo cada un de nós dous versos máis e dobrabamos o papel de xeito que só o seguinte "poeta" que lle tocaba escribir vise o último verso. 

Quedáronnos poemas moi surrealistas, diso se trataba, nos que deixamos recollida a nosa imaxinación e inventiva. Logo de rematalos, lémolos e logo puxémolos no taboleiro da lingua para que puidesen lelos os outros compañeiros. Aquí vos deixamos a imaxe do colorido tapiz que nos quedou. 

Nesta actividade uniuse tamén alumnado de 1º ESO B e C e 3º ESO A.