CEREBRO E FORZA:
Ata este pasado mércores avanzamos nas aventuras do lendario Heracles con tres dos seus traballos. Foron pasaxes especialmente interesantes, porque nos romperon os esquemas do heroe como "un home invencible polo seu poder físico e a súa forza divina".
No quinto traballo, a súa misión era diferente. Ao enfrontarse ás aves de Estínfalo ( Estinfalia), de pico, ás e garras de bronce, as súas frechas non foron suficiente. Desolado, necesitou axuda externa para resolver o problema. " Vaia!", pensamos, "a primeira vez que Heracles non é quen de acabar un traballo por si mesmo". Suspiramos, comprensivos, dende unha nova perspectiva... despois de todo tiña defectos e fallos. Iso dálle máis valor aínda.
Sexto traballo: Limpar as cortes de Áugeos, rei de Elis, cuxo gando era o mellor da comarca. A falta de aseo no interior do establecemento estendía un olor fétido por distintas zonas do Peloponeso, así que Euristeo se encargou especialmente de enviar a Heracles sen contratempos. É o primeiro traballo no que utiliza a cabeza. No canto de preferir a forza, e carrexar caldeiros de auga dun lado para outro, pensa unha solución rápida e práctica. Cambiou os cursos dos ríos Alfeo e Peneo para que pasasen polas cortes e quitasen toda a porcallada. Brillante, non? Outra nova perspectiva do heroe.
O sétimo traballo consistiu en eliminar o touro salvaxe de Creta, creado por Poseidón, que seguía a petición da filla de Hera para tentar desfacerse do Heracles definitivamente.
Como despedida teño que lembrar que o máis importante é que Rubín recalca, xunto aos antigos gregos, a importancia dun cerebro ben asentado, sen deixarse levar nada máis que pola masa muscular. Mensaxes morais clásicas dun clásico mestre do cómic.
Iria Liñares.