mércores, 7 de xaneiro de 2026

AS NOSAS REFLEXIÓNS NO 25N

 O EDLG e o club de lectura  estivo preparando unha actividade para commemorar o 25N e facernos reflexionar sobre a falta de igualdade entre homes e mulleres aínda hoxe en día. 

Preparouse previamente o Taboleiro da lingua con imaxes relacionadas con este día e o co lema "NON ESTÁ BEN". Logo o 25 de novembro diferentes grupos nas clases de Lingua fixeron reflexións sobre a falta de igualdade entre os dous xéneros, sobre o machismo e micromachismos,  sobre os teitos de cristal,  as relacións tóxicas de parella... con estes temas sobre a mesa, a rapazada fixo as súas propias reflexións nunha folliña de papel e logo puxéronas no taboleiro. @s membros do club tamén fixeron as súas aportacións.

Nas imaxes vemos o grupo de 3º ESO PDC colocando as súas reflexíóns no taboleiro.

Grazas a tod@s pola vosa implicación e por deixar patente que seguimos andando camiño á igualdade real, pero aínda quedan pasos por dar. 






VISITA DE LOIS PÉREZ

 O pasado 5 de novembro estivo no noso centro o autor lucense Lois Pérez con motivo da presentación do certame Enredando co galego 2025. Foi unha sesión moi amena na que o autor, tocando cunha guitarra creada por el cunha lata de aceite, estivo cantando e recitando poemas do seu libro Lugo Philadelphia e aproveitou para contarnos a súa viaxe a Estados Unidos e as experiencias alí vividas que deron lugar a este poemario. 

Grazas, Lois, foi un pracer que nos fixeras partícipes das túas creacións!








venres, 2 de xaneiro de 2026

OS NOSOS ENREDOS

O club de lectura anda a preparar unha nova actividade relacionada coa lectura. 

Nalgunhas sesións estamos a ler en voz alta e coa entoación debida contos publicados en galego. Na sesión á que pertencen as fotos estamos a ler Corre  corre, cabaciña, un libro que trouxo Antía (xunto con algún máis) pertencente á súa biblioteca persoal. 

Andamos a argallar algo do que máis adiante vos daremos noticias, xa que aínda estamos perfilando o tipo de actividade que imos facer e para que público.

Xa vos seguiremos contando....!!!









DOCES DE SAMAÍN

O xoves 30 de outubro celebrouse o Samaín no noso centro, unha das actividades promovidas polo EDLG e a biblioteca nas que partcipamos @s membros do club de lectura,  foi a de traer doces "terroríficos" mais as receitas escritas en galego. Aquí vos deixamos as fotos para que vexades a pinta que tiñan!

Nós non só participamos senón que unha das nosas "lectoras", Amani, levou un premio outorgado por un xurado formado por profes e alunmnado de FP Básica. Como ese día coincidía cunha sesión do club de lectura, no tempo de lecer fomos á biblioteca á entrega de premios e logo á aula onde nos reunimos o club e estabamos tan contentas polo premio de Amani que quixemos inmortalizar o momento cunhas fotos. 

Con actividades coma esta lógrase implicar ao alumnado e a fortalecer vínculos, aproveitando ademais a celebración dunha tradición galega, que pouco a pouco imos recuperand,o como é o Samaín (aínda que sexa con influencias do Halloween americano).

Non podemos esquecer que temos tradicións propias que coñecer e valorar!











luns, 29 de decembro de 2025

VISITA DE IVET NÚÑEZ

O 28 de outubro o club de lectura de adultos tivo unha visita moi agardada: a da escritora Ivet Núñez. 

Trátase dunha autora de novela negra que soe situar a acción das súas historias en Lugo, é o que sucede no seu libro Los oiréis sufrir que nesta ocasión foi a lectura proposta para o club e supuxo un alicente máis para adentrarse nas súas páxinas

Tod@s @s integrantes do club quedaron impresionadas co libro, co engaiolante que resultou ser a súa lectura e o lograda que está a atmosfera e os personaxes desta novela, a pesar de estar escrita por unha autora moi xoven. 

Compartimos con ela as nosas impresións sobre a obra e fixémoslle algunha que outra pregunta sobre curiosidades dela como autora e da novela. 

Foi unha sesión moi frutífera que rematou co agasallo dunha camiseta a Ivet (que dixo que lle gustara moito) e da sinatura de exemplares do libro por parte dela.

Deixámosvos algunhas fotos deste  emocionante encontro. 

Moitas grazas, Ivet por acompañarnos e acercarnos ao acto creativo literario!









LECTURAS DIVERTIDAS

 Que tal?

Nós asomámonos por aquí para contarvos algo das nosas lecturas.

Veredes, o ano pasado veunos a fin de curso e estabamos coa lectura dunha obra de teatro que nos estaba gustando moito, pero non tivemos tempo de rematala. Entón ocorréusenos este curso iniciar o club de lectura con esta lectura e a verdade que ler obras teatrais en alto e entre tod@s é moi divertido, cada un escolleu un papel da obra e le as súas intervencións. Pasámolo moi ben!

Quizais máis adiante nos animamos a facer unha pequena representación teatral, iremos vendo e irémosvos informando.  

Estamos lendo O achado do castro de Manuel Núñez Singala , recomendámosvos esta lectura porque se trata dunha obra dun autor lucense e ademais é unha comedia supredivertida. 

Animádevos a ler e, se queredes, podedes unirvos a nós, así a lectura será compartida. 




sábado, 27 de decembro de 2025

INICIO CLUB DE LECTURA ADULTOS

 Ola de novo!

Queremos informarvos que o club de adultos tamén comezou o pasado 30 de setembro e, como o curso pasado, está coformado por docentes, nais, persoal non docente e outras persoas vinculadas co noso instituto por ter exercido aquí o seu traballo.

Normalmente indican en cada sesión de reunión a data da próxima, pero normalmente reuniranse unha vez cara a finais de mes. 

Na primeira reunión deste curso compartiron a lectura do libro La muy catastrófica visita al zoo de Joël Dicker.

Boas lecturas de lecturas a tod@s!!!!!