luns, 26 de maio de 2025

LARPEIRADAS DE ENTROIDO

 Un ano máis chegou o entroido e no noso centro non podemos deixar de celebralo. 

O club de lectura uniuse á festa, como non! E ademais de aminarse cos disfraces como manda a tradición, unímonos nesta ocasión a unha nova iniciativa proposta polo Equipo de Dinamización Lingüística: traer a receita escrita en galego dun doce típico do entroido e, o máis importante, traer mostra dese doce para probar. Houbo tres premios aos mellores traballos gastronómicos dotados con cheques para mercar na cafetería do centro. 

Alí estabamos o venres 28 de febreiro, na hora do lecer, desfrutando das larpeiradas de entroido. E xusto cadrou con que no club estamos a ler o libro Quen precisa unha avoa de Andrea Barreira Freije, que tamén trae receitas no seu interior (receitas un pouco surrealistas, todo hai que dicilo). Que coincidencia!

E sabedes que? Que unha das nosas "lectoras" do club participou e levou un dos premios. Parabéns, Luz! Agardamos que sigas cociñando tan ben e ter outra ocasión para degustar os teus saborosos doces. 


Un dos momentos da degustación

Xurado puntuando os doces


Taboleiro onde se anuciou o alumnado gañador


Cartaz coas bases do concurso

VIDEOCONFERENCIA CON MARÍA ZARAGOZA

 Ola a tod@s!

Esquecéusenos poñer aquí a charla que mantivo o club Reencontros, de adultos, coa escritora María Zaragoza. Pero nunca é tarde se a dita é boa e, desde logo, esta dita é boísima.

O encontro tivo lugar o 30 de xaneiro, o libro que o propiciou foi La biblioteca de fuego, que previamente as persoas integrantes do club de adultos tiñan lido para a ocasión. 

As expectativas eran moitas, pero a experiencia cumpriunas con creces, xa que deu lugar a que cadaquén puidese dar a súa opinión da novela, que a tod@s entusiasmou, tamén se puideron facer preguntas á autora que esta respondeu amablemente, asemade apareceron dúbidas e diferentes impresións na lectura da trama, todo isto se puxo enriba da mesa e o encontro resultou moi fructífero e enriquecedor. Resultou moi emotivo ter unha charla cunha autora sobre a súa obra, foron momentos de moito calor humano a redor da lectura e, a pesar de que a autora se puxo en contacto por videoconferencia, a emoción e a intensidade mantívose en todo momento.

Queremos dar as grazas a María Zaragoza, primeiro por dar a luz obras tan incribles coma esta (ela mesmo dixo que lle levara 4 anos recadar a información e escribila) e en segundo lugar estamos moi agradecidas pola súa xenerosidade e a ter accedido a compartir momentos tan enriquecedores ao redor desta interesantísima obra.   

Grazas, María! Agardamos impacientes a lectura da túa nova novela e, desde logo, sería marabilloso poder ter un segundo encontro!




Imaxe do encontro

Imaxe do encontro

Post do Instagram de María Zaragoza